Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

POLÍTICA MUNICIPAL

O PSOE de Ribeira pon deberes ao goberno do que forma parte

Suárez-Puerta demanda ao alcalde "máis axilidade" para sacar adiante a variante e o polígono

Suárez-Puerta, á dereita, co alcalde, no centro, e os edís do goberno de Ribeira

Suárez-Puerta, á dereita, co alcalde, no centro, e os edís do goberno de Ribeira / C. R.

Ribeira

Francisco Suárez-Puerta, portavoz do PSOE de Ribeira e segundo tenente de alcalde, demándalle ao rexedor, Luis Pérez, “máis axilidade e xestións máis eficaces para dar pasos adiante nos proxectos estratéxicos do concello". Asegura que os socialistas botan en falta "reunións de traballo máis efectivas, nas que se tomen decisións a favor da veciñanza”.

Lembra que hai xa máis dun ano encargouse, co acordo de todo o goberno local, un estudo para analizar as diferentes opcións da variante e "o alcalde xa ten o documento, que tivo en conta criterios urbanísticos e o tráfico de vehículos e peóns, pero non o fai público”, engade. Por iso, pídelle “que leve ao pleno o estudo para decidir cal é a alternativa correcta, ademais de esixirlle á Xunta que contemple a obra nos orzamentos para executala canto antes”.

Con respecto ao novo polígono industrial e os seus accesos, Suárez-Puerta é consciente “das trabas e dificultades existentes, pero non houbo movementos para conseguir financiamento en máis dun ano, o alcalde ten que reunirse con Xunta e Goberno central para que o polígono sexa unha realidade”.

Ademais destes dous proxectos, o voceiro socialista di que tamén “está pendente de decidir as posibles ubicacións do novo centro de saúde; o mandato avanza e tampouco sabemos nada”.

Por outra banda, Suárez Puerta explica a súa ausencia á inauguración do novo centro de alto rendemento de atletismo e taekwondo. “A só uns metros, hai unha piscina municipal e un ximnasio que utlizan todos os veciños que non están en boas condicións, e non se realiza ningún tipo de actuación de mantemento das instalacións”, afirma.

Tracking Pixel Contents