O Lalín Arena será escenario da gala dos Premios Mestre Mateo do sector audiovisual de Galicia
É a primeira vez en vinte e tres anos que se celebra alonxada das grandes cidades galegas
Será o día 15 de marzo do vindeiro ano

Presentación da XXIII edición dos Premios Mestre Mateo / Cedida

Lalín será o escenario da gala de entrega dos XXIII Premios Mestre Mateo, unha cita que se celebrará o 15 de marzo do vindeiro ano. Así o anunciou onte no consistorio lalinense o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, xunto ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Lalín, José Crespo.
Neste sentido, o Lalín Arena colle o relevo do Coliseum da Coruña e será a sede dunha das citas máis importantes para a cultura galega durante o próximo ano. A capital dezana convertirase así na oitava localidade que alberga a entrega dos Premios Mestre Mateo, a primeira alonxada da contorna das grandes cidades galegas, tras: A Coruña (quince veces sede), Santiago de Compostela (dúas veces), Vigo, Ferrol, Pontevedra, Narón, e Ourense (dúas veces).
Durante a súa intervención, Álvaro Pérez Becerra subliñou que, despois de 23 anos de historia, a gala de entrega dos premios chega “ao corazón de Galicia”, fora da contorna das grandes cidades galegas: “teñen que pasar cousas nos entornos non urbanos, a cultura ten que estar en todas partes”. O presidente da Academia do Audiovisual recalcou, ademais, que fora dos entornos urbanos “hai outra Galicia que fai cousas, que move a economía, e Lalín e un bo exemplo disto”.
En canto ao presidente da Deputación de Pontevedra manifestou o “máximo apoio” da institución que preside e quixo poñer en valor o audiovisual galego como unha potencia para crear unha “identidade visual”. Luis López destacou que “descentralizar os Mestre Mateo non é alonxalos, todo o contrario, é achegalos a unha realidade que contou o audiovisual e que se merece agora o máximo compromiso posible”. “Por que a cultura galega non pode ser un instrumento para facer fronte ao reto demográfico? Por que as obras audiovisuais se achegan con tanto éxito ao rural pero os premios sempre se celebran no urbano?”, rematou.
Tal e como explicaron dende a propia Academia Galega do Audiovisual, a elección de Lalín como enclave desta edición “non é casual”, xa que buscan subliñar a importancia das infraestruturas culturais no rural e reinvindicar que nin a creación nin o consumo de cultura son exclusivos dos grandes centros urbanos, senón tamén o valor do rural como espazo vivo, creativo e culturalmente vibrante.
Por último, durante a súa intervención o alcalde de Lalín remarcou que “Galicia é unha aldea global” que precisa que “políticos e institucións teñan sensibilidade para repartir xogo”. Así mesmo, considerou “un motivo de satisfacción para todos” a celebración da entrega dos premios na cidade, da que afirmou que agarda “estar á altura”.
Durante o día de onte, a Academia tamén informou da apertura do prazo de inscrición de obras e profesionais para participar nesta nova edición dos Premios Mestre Mateo, un prazo que estará aberto ata o 31 de outubro ás 14.00 horas
- Encuentran el cadáver de un hombre encadenado y sumergido en aguas del puerto de Ribeira
- El vacuno de carne alcanza precios históricos en Galicia: un ternero que valía 830 euros tras la pandemia se paga hoy a 1.850
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo
- ¿Qué se sabe del cadáver encadenado en el puerto de Ribeira? La Policía investiga si Amador Mos Orellán fue asesinado o se suicidó
- La casa de la Ribeira Sacra donde rodó Mario Casas se puede alquilar desde 280 euros
- Encuentran de madrugada el cadáver de una persona en el puerto de Ribeira
- Galicia quiere convertirse en el gran plató de las películas y series que se rueden en España
- O_Rubio King Doc Barni, la vaca lechera de Santa Comba que conquistó el título de Gran Campeona de Galicia 2026: 'Mi hermano pequeño y yo siempre tuvimos esta ilusión



