O Murallón segue en pé
Centos de persoas desfrutaron na Bandeira da música de La Élite, Grande Amore ou Rebeliom do Inframundo malia a chuvia e o vento

Así foi o Murallón de Son 2024, en imaxes / Javier Ramos
“Estivemos a punto de cancelar, as cousas como son”, admite, horas despois do peche do festival Pablo Rey, presidente da asociación Festibandeira, que por terceiro ano consecutivo sacou adiante unha nova edición do festival Murallón de Son. Autodefinido como “festival de músicas rebeldes no corazón de Galicia”, esta cita congrega na Bandeira, unha pequena vila do Concello de Silleda, nas primeiras semanas do outono a diferentes grupos de rock, punk e outras propostas de carácter combativo nun escenario pouco habitual para estes sons.
Por el tiñan pasado, malia o pouco percorrido ata o momento, grupos referenciais coma Dakidarría ou Dios Ke Te Crew; sempre en edicións de balde. Neste 2024, o festival e os seus promotores decidiron dar un paso adiante, dando o salto cara a un modelo con entrada de pago e programando grupos máis cotizados no panorama musical. Unha proposta ambiciosa, nun mercado saturado e con numerosa competencia, que implicaba máis riscos. Un deles, o do mal tempo, de forte vento e chuvia, que esta pasada fin de semana se viviu en toda Galicia.

Concerto de La Élite na edición de 2024 do festival Murallón de Son / Javier Ramos
“A nivel de festival foi un día moi moi complicado. A nivel de produción, levalo a cabo ca que caeu foi complicado”, relata Rey, xa aliviado despois de pasar por “moitísimos nervios” e estrés nunha xornada, a do sábado, que comezou con moitas dúbidas e poucas ou ningunha certeza. “Estabamos mirando o tempo continuamente”, detalla o voceiro da organización, que mesmo ás sete da tarde, hora na que comezaban os concertos das bandas sinaladas como cabezas de cartel, non contaba con que o festival puidera chegar a bo porto.
Mesmo Terbutalina, a popular banda de rock de Muros contratada poucos días antes do festival para suplir a baixa de última hora dos británicos GBH, tivo que realizar a proba de son a telón baixado polo forte vento que soplaba en dirección ao escenario e complicaba o axuste dos diferentes parámetros. Con todo, o equipo técnico deu o visto bo e o Murallón mantívose en pé.
Previamente, xa pasaran polo escenario propostas coma a de Brassica Rapa ou unha sesión de pinchada en vinilos, para ir amenizando un ambiente que foi in crescendo e que, xa entrada a tarde, presentaba un notable aforo -de centos de persoas- malia o complicado da meteoroloxía. Por sorte, de aí en adiante apenas se notou, salvo polo corte de son que se deu na metade da actuación de Rebeliom do Inframundo, colectivo galego de rap, que tivo que interromper durante uns minutos o seu concerto para logo volver con aínda máis potencia.
Harry May ou Blowfuse aportaron o compoñente máis punk desta nova edición do Murallón. A primeira, como banda amiga do festival, no que xa tocaran máis veces; e a segunda, chegada dende Barcelona, como un dos grandes reclamos provintes doutros lugares. Potencia, velocidade e pericia instrumental para encender os ánimos dos asistentes antes da traca final.
A maioría dos presentes agardaban con expectación o concerto de La Élite. Xa de madrugada, o dúo de Tàrrega (Lleida) saíu ao escenario para dar conta de ‘Escaleras al cielo’, o seu último álbum; no que continúan a exitosa liña do seu debut ‘Nuevo Punk’. Unha receta que mestura sintetizadores afiados e poses nihilistas nun curioso híbrido entre punk e electrónica. Unhas claves musicais que, precisamente, encaixan cas de Grande Amore, grupo que se encargaba de pechar a programación deste Murallón de Son.
O seu cantante, Nuno Pico, xa participara nun dos temas máis icónicos de La Élite, cos que subira a cantar “Contento de ser feo”; e ofreceu na Bandeira o que será o seu derradeiro concerto en Galicia da súa longa xira. Máis de 150 concertos dende a primavera de 2021, nos que deu conta de dous álbumes diferentes publicados durante a mesma, e que ten levado ao grupo por toda a Península, ademais de ata as Illas Canarias ou mesmo Bruxelas. Desta vez, na Bandeira, a proposta foi a esperada: electrónica escura, bailes existencialistas e algún arrebato cómico a ritmo de cancións xa clásicas coma “Esta pena que a veces teño”, que conviviu no repertorio con temas novos ou máis descoñecidos.

Detalle do concerto de Blowfuse durante a edición de 2024 do festival Murallón de Son / Javier Ramos
Un peche á altura para un Murallón de Son que sobreviviu á tormenta. “As expectativas, tal e como empezara o día, superounas por mil”, afirma Pablo Rey, a quen se lle nota o orgullo por ter sacado adiante un ano máis un festival que, adianta, con sorte, volverá erguerse o ano que vén. “Esta foi a edición máis emocionante. Non é fácil chegar onde se chegou en tres anos”, conclúe.
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo
- Augas de Galicia sanciona al Concello de Santiago con 300.000 euros tras mediciones en el río Sar
- El bar a 20 minutos de Santiago donde Netflix rodó una de sus series más vistas: 'Fue una experiencia flipante
- El aeropuerto de Santiago pierde uno de cada tres pasajeros con respecto al año pasado
- Santiago vive un fin de semana para no quedarse en casa: conciertos, Carnaval, San Valentín y mucho más
- La Deputación da Coruña licita por 1,12 millones la adquisición de un inmueble para su sede en Santiago
- Aumenta la división sindical por el conflicto de los autobuses tras la última reunión mediadora

