Os mariscadores de Noia iniciarán unha campaña "difícil" marcada polo temporal
A confraría realizará este venres labores de limpeza en varias praias e sementará crías de berberecho

Mariscadores de Noia retiran berberechos durante a campaña do pasado ano / EFE/Lavandeira jr.

O vindeiro luns, 14 de outubro, e despois dun ano sen actividade, a confraría de Noia dará inicio á nova campaña de marisqueo, para a que, segundo o patrón maior, Santiago Cruz, «as expectativas son bastante baixas».
Se ata esta semana o sector marisqueiro da ría de Muros-Noia tiña unha gran preocupación para este inicio da nova campaña polo pequeno tamaño dos bivalvos, nos últimos días sumóuselle un problema engadido. O paso da borrasca Kirk por Galicia, que trouxo intensas precipitacións e fortes rachas de vento, así como infinidade de incidencias, «estropeou moitas cousas», dixo. «A campaña xa non se presentaba moi ben porque sobre o 85% non daba a talla comercial, pero agora con este temporal a cousa empeorou moito máis e vai ser unha campaña difícil», engade.
Ante os factores meteorolóxicos adversos, os berberechos e as ameixas «están agora bastante tocadas», explica. Especialmente no caso dos berberechos, «xa que fixo arrastre e ten unha mortaldade moi alta xa». Ante isto, e para tratar de buscar unha solución, dende a confraría farán este venres, dende o mediodía, aproveitando que empeza a baixar a marea, labores de limpeza nalgúns areais. Tamén volverán sementar crías de berberecho. «A nosa intención é ver se conseguimos que sobreviva algún, porque aínda que a maioría morre, igual temos que intentar facer algo», destaca o patrón maior.
Aínda que dende o pósito noiés están pendentes dun estudo por parte dunha bióloga, que se fará nos próximos días para calcular a porcentaxe que se viu afectada polo temporal, Santiago Cruz xa ten claro que «vaise tratar dunha campaña mala. Non sabemos canta mortaldade vai haber, pero está claro que non vai ser pouca».
A pesar das características devastadoras do temporal, este non é o único aspecto que destaca Santiago Cruz como un problema para a campaña de captura do marisco.
Á marxe das choivas, a baixa salinidade «pola apertura da presa do río Tambre por parte de Naturgy en baixamar» é outro dos grandes factores que explica a mala situación dos bancos marisqueiros noieses, como indican dende a confraría. O sector vén alertando dende hai tempo das consecuencias do desaugadoiro da presa, algo sobre o que Cruz advirte que se deben tomar medidas: «Mentres non haxa un protocolo de embalses, algo importantísimo para a ría, imos seguir falando de catástrofes, das riadas e de todo isto».
- La construcción del Ensanche Norte para 3.609 viviendas obliga a expropiar 90.000 metros cuadrados de fincas en la otra punta de Santiago
- Llegan las fiestas 'más picheleiras': este es el programa completo de la Ascensión 2026
- Ni un solo ladrillo: así es la espectacular Casa Caracola a una hora de Santiago que desafía la arquitectura
- Treinta camiones al día, 63.500 t de residuos y 50.947 m3 de aguas industriales: los peros a la planta de biogás de A Laracha, en cifras
- Santiago arrasa en los Premios 'Próximos' de Arquitectura: estas son todas las obras distinguidas
- Héctor Galán y la plantilla ACB del Obradoiro: “Quintela, Barcello y Barrueta tienen contrato para el año”
- Los libros más difíciles de encontrar toman la Alameda de Santiago
- El inesperado detalle del nuevo mural de Touro que desconcierta en redes




