Arranca en Arzúa a primeira edición expandida do Culturgal na provincia da Coruña
A capela da Madanela será sede os días 11 e 12 de outubro dunha variada programación de artes escénicas, literatura e música

Presentación en Arzúa da primeira edición do Culturgal Expandido / Cedida
A feira das industrias culturais Culturgal leva sendo durante máis dunha década a cita de referencia para o sector en Galicia. Cada ano, a cidade de Pontevedra reúne durante varias datas a artistas, creadores, empresas e outros axentes do sector nun encontro que agora se expande cunha nova sede na provincia da Coruña.
Dende a tarde deste venres e ata a noite do sábado, a capela da Madanela, en Arzúa, será a sede do primeiro Culturgal Extendido, unha iniciativa que pretende trasladar a actividade desta feira a un novo espazo.
Por el pasarán diferentes propostas de varios eidos, que inclúen dende artes escénicas a presentacións literarias, pasando por espectáculos infantís, concertos ou entrevistas con diversos creadores.
A primeira destas actividades será a presentación do libro Indolente, escrito polo xornalista Alberto Mancebo. Non será a única cita literaria da xornada, xa que, a continuación, o autor de Tradición oral recuperada das tebras. Son contos... ou historia?, Severino Fernández Abel, dará conta da súa última obra.
A literatura tamén estará presente, mesturada coa música, no espectáculo Clopas, que servirá como preludio do peche dunha xornada inaugural do Culturgal Expandido que concluirá co concerto que ofrecerá Su Garrido Pombo.
Xa o sábado, haberá programación infantil en horario de mañá a cargo de Miguel Guido, que representará a obra O lobo feliz, e tamén de Magín Blanco, que actuará co seu libro-disco Caderno de cores e cancións.
Na quenda de tarde haberá tempo para máis presentacións literarias, a do ensaio Ser cetáceo, de Francisco X. Fernández Naval, ademais de dúas entrevistas con Xurxo Souto e Lucía Aldao, encargados de pechar con dous concertos a programación deste Culturgal con sede en Arzúa.
Todas as actividades previstas no marco desta feira son de balde e contan co apoio da Deputación da Coruña, que estivo representada –ao igual que a Corporación municipal– na presentación da feira.
Nela, o director do certame, Víctor López, dixo que a do Culturgal é unha «vocación de país» e que, por iso, o seu obxectivo é «levar a feira por toda Galicia». Sobre esta edición de Arzúa, engadiu que serán «dous días de actividades variadas» que servirán como «punto de unión de creadores, administracións que os apoian e o propio público».
O Culturgal volverá á súa tradicional sede en Pontevedra os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro deste mesmo ano.
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- Una bañense con cáncer a los 43 años logra más de 42.000 firmas para que adelanten el cribado
- Llega el centollo a los mercados: claves para distinguir el gallego del de fuera
- La Guardia Civil incauta más de 1.500 plantas de marihuana en dos naves de Oroso y O Pino: seis detenidos
- Una física compostelana que trabaja para Amazon trae a Santiago la 'segunda revolución cuántica
- Renfe anuncia la cancelación de trenes entre Ourense y Santiago por unas obras en diciembre

