O marisqueo na ría noiesa abre este luns con topes de capturas «baixos»
A confraría sementou o venres crías de berberechos para paliar os efectos do temporal

Imaxe de arquivo dunha das xornadas nas que se sementou cría de bivalvos na ría de Muros-Noia o pasado verán / Cedida

Uns 1.500 profesionais das confrarías de Noia, Muros, Portosín e Porto do Son comezan este luns 14, tras un ano sen actividade, a nova campaña de marisqueo, aínda que o farán cunhas «expectativas moi baixas», como indica Santiago Cruz, patrón maior do pósito noiés.
O forte temporal que desencadeou a chegada da borrasca Kirk a Galicia o pasado mércores golpeou con forza ao sector, afondando nas preocupacións que xa afloraban polo pequeno tamaño dos bivalvos. «A situación empeorou moito co paso do temporal, e agora diría que o trinta por cento do marisco ou máis está morto», sinala Cruz.
Froito das intensas chovias e as fortes rachas de vento, unha gran cantidade de bivalvos chegaron ás praias arrastrados pola marea. Para intentar buscar unha solución, dende a confraría fixeron este venres «labores de limpeza e sementamos algunhas crías de berberecho e de ameixa», explica.
Así, botaron á ría uns 280 quilos de ameixa xapónica e 500 quilos de cría de berberecho que foran arrastrados a terra. Unha medida que, aínda que non é, nin moito menos, unha certeza, é a única solución.
«Tiñamos que buscar unha solución porque senón a cousa ía estar aínda peor. Calculamos que o 5% poderá sobrevivir, mentres que o 95% acabará morrendo, porque xa está moi tocado», engade.
Á marxe dos problemas producidos polas condicións meteorolóxicas adversas, dende a confraría apuntan á «apertura da presa do río Tambre en baixamar» como o outro gran problema para os bancos marisqueiros noieses. Neste sentido, o sector urxe dende hai tempo a necesidade de tomar medidas para acabar co problema. «A Administración autonómica ten que falar con Naturgy e mentalizala de que non pode abrir a presa en baixamar. A nós prexudícanos moito que non haxa un protocolo para controlalo», sinala Santiago Cruz.
Ademais, como lembra o patrón maior, a comezos deste mes de outubro o cabildo aprobou os novos topes de capturas para este ano, e que «non son moi altos».
Neste sentido, o tope establecido a flote é de 8 quilos para o berberecho para o primeiro e o segundo tripulante, e de 5 para o terceiro, mentres que, en canto á ameixa, son 3 quilos de xapónica, 2 de babosa e 2 de fina, por tripulante.
Ademais, en canto ao marisqueo a pé o cupo é de 5 quilos de berberecho, 3 de ameixa xapónica, 2 de babosa e 2 de fina. Unha cantidade «baixa, pero tampouco se pode facer máis», comenta.
Á marxe dos numerosos problemas cos que dá comezo esta nova campaña, Santiago Cruz non oculta as «ganas de traballar que ten a xente». Unhas ganas que na maioría dos casos obedece máis a unha necesidade tras un ano sen ingresos. «Hai quen cobra algunha axuda, duns 1.200 euros, pero sobre o 40% aínda non cobraron nada e en todo este tempo tiveron que buscarse a vida», di. A pesar destas dificultades, o patrón maior mostrou certa tranquilidade por ver como os pósitos da zona poderán faenar, se as cousas non se complican. «Por sorte, aquí, na ría de Muros-Noia, non hai confrarías que teñan os bancos pechados», indica.
Ao longo desta primeira semana de campaña unha bióloga vai realizar un estudo para coñecer os danos e ver a cantidade de marisco que está tocado. «Este estudo vainos permitir saber con certeza a mortaldade que houbo, pero os mariscadores xa o vemos e sabemos que parte del non está ben», explica o patrón maior, quen engade que os resultados «van acabar confirmando que hai unha mortaldade bastante alta».
Os mariscadores da ría de Muros-Noia comezan así hoxe unha «campaña complicada», que esperan que non acabe de maneira prematura como ocorreu o pasado ano (cando se pechou só dez días despois do seu inicio), pois «sería outro golpe moi duro para o sector».
- La propuesta que vuelve a poner en el foco la visita del Papa a Santiago: León XIV deja en el aire su presencia en 2027
- El Último de la Fila hizo historia en Santiago con una de las citas musicales más esperadas del año
- Crónica social compostelana | Reunión de cuatro generaciones de la familia Rúa
- Lalín ultima la Festa do Corpiño que traerá devoción y verbena el día 23 y 24
- Luis Zahera cierra por todo lo alto las fiestas de Fontiñas: 'Seguide sendo ben de barrio, que eso non se perda
- El pueblo gallego que esconde cinco playas paradisiacas: arena blanca, aguas turquesa y un paseo a 50 metros de altitud
- Miguel Ángel Arca recibe un homenaje tras casi 30 años como bombero en Santiago
- Continúa activo el incendio forestal en Padrón que ya ha calcinado 80 hectáreas
