Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Vedra lidera un proxecto europeo de protección das paisaxes agrícolas rurais

Formaron parte da iniciativa seis municipios e rexións de diferentes países do espazo comunitario, coma Eslovenia, Italia, Bulgaria, Croacia e Portugal

Representantes das diferentes institucións europeas, nunha das actividades deste proxecto

Representantes das diferentes institucións europeas, nunha das actividades deste proxecto / Cedida

O Concello de Vedra foi o encargado de liderar o proxecto europeo winEU.rur, concibido para garantir a protección das paisaxes agrícolas rurais mediante o fomento da gobernanza participativa. Nesta iniciativa participaron municipios e entidades de varios puntos de Europa diferentes: Capannori (Italia), Bolyarovo (Bulgaria), Lendava (Eslovenia), a rexión de Zagorje-Sutla (Croacia) e Lousada (Portugal).

Representantes de todos eles reuníronse a semana pasada en Galicia para poder coñecer de primeira man e sobre o terreo experiencias de boas prácticas relacionadas, por exemplo, ca longa tradición vitivinícola vedrense e o coidado destas paisaxes ao longo do tempo.

Así mesmo, os implicados participaron nun foro que serviu para expor as conclusións e resultados deste proxecto. Nel, ademais, tiveron lugar dúas mesas redondas sobre gobernanza participativa: unha con aportacións de expertos procedentes de diferentes institucións e outra centrada en compartir experiencias que teñen dado bos resultados.

No caso de Vedra, estase a constituír un novo foro de diálogo e de encontro entre diferentes axentes, que integra a representantes do turismo, do sector vitivinícola, do propio Concello e da veciñanza; para seguir avanzando nas pautas de desenvolvemento e coidados das paisaxes marcadas polo programa winEU.rur. Este é o resultado máis tanxible do proxecto, un espazo de participación que seguir consolidando de cara ao futuro.

Tracking Pixel Contents