Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arzúa e Vedra promoven plans europeos de mobilidade xuvenil

Os dous concellos informan á súa mocidade da oferta de intercambios, Erasmus+ e outro tipo de programas para estadías no estranxeiro

Alumnos do IES de Arzúa participantes nun programa de mobilidade europea

Alumnos do IES de Arzúa participantes nun programa de mobilidade europea / Cedida

Con motivo dos Erasmus Days, o IES de Arzúa abrirá este xoves e o venres as súas portas á poboación interesada en coñecer máis deste programa de mobilidade a nivel europeo que, neste caso, implica tanto a alumnos como a docentes do mencionado centro.

Xurxo Feijoo, responsable neste eido no instituto arzuán, explica que o obxectivo destas xornadas abertas ao público é achegar á cidadanía os beneficios destes proxectos, que fortalecen valores fundamentais como a inclusión, a diversidade ou a concienciación ambiental e cultural.

O centro de Arzúa forma parte deste programa dende o ano 2022 e, dende entón, ten mobilizado 23 alumnos a escolas de Chequia, Italia, Portugal e Francia, así como a dez profesores para tarefas de observación e formación nestes países, e tamén en Malta. Neste curso haberá máis programas de mobilidade, tanto grupais como individuais, para alumnos e docentes en diferentes países europeos, e o instituto tamén recibirá alumnos doutras latitudes como parte deste intercambio de experiencias.

«Abrir as mentes do alumnado e garantir un ensino de calidade con mentalidade galega e internacional ten un impacto positivo non só no noso centro, senón en toda a sociedade arzuá e, por extensión, en toda Galicia», expón Feijoo.

Vedra, por Europa

Ao mesmo tempo, o Concello de Vedra tamén promoveu un encontro coa mocidade do municipio para trasladarlle á mesma as posibilidades das que dispoñen para formaren parte de diferentes proxectos de intercambio, voluntariado ou estadías profesionais e educativas no estranxeiro.

Nesta xuntanza participaron unha trintena de persoas que, segundo sinalan fontes municipais, amosaron interese polas múltiples modalidades de mobilidade existentes. En anos anteriores, delegacións deste concello teñen viaxado ata lugares como Bruxelas ou Sicilia, sempre no marco de diferentes programas europeos.

Ademais, Vedra recibe cada verán durante dúas semanas a mocidade procedente de diversos países de Europa, como os participantes desta edición do campo de traballo Unindo Roteiros.

Dende a administración local salientan que moitos dos asistentes a este último encontro «participarán no futuro nalgunha destas campañas de mobilidade» e incidiron en que, aínda de non ser así, estas reunións «tamén contribúen a continuar facendo rede entre a xuventude do concello».

Tracking Pixel Contents