Formoso destaca o papel da diáspora para nutrir a «chama da galeguidade»
O presidente da Deputación da Coruña celebra en Suíza o 55º aniversario do Centro Español de Lyss con galegos do Xallas, Costa da Morte e Bergantiños, aos que ofrece colaboración para retornar a Galicia

González Formoso e o presidente de Centro Español de Lyss, José Otero / CEDIDA
O Centro Español de Lyss é dende hai máis de cinco décadas o lugar onde se reúnen os emigrantes que residen nesta pequena localidade suíza de 16.000 habitantes e situada a 18 quilómetros de Berna, onde está asentada unha importante comunidade de máis de 3.500 persoas con orixe no noso país. Nese Centro Español que, en realidade, está cheo de galegos fan vida os emigrantes sempre que poden descansar das obrigas laborais e alí manteñen vivas as tradicións dos seus antergos. Moitos deles proceden dos concellos de Santa Comba e de Cerceda, pero tamén doutras localidades da Costa da Morte e Bergantiños.
Este ano, os galegos de Lyss celebran o 55 aniversario dese centro que é punto de encontro para todos eles. E ata alí se desprazou este sábado o presidente da Deputación da Coruña, na que supón a primeira viaxe oficial dun responsable do organismo provincial a Suíza, país onde residen máis de 41.000 galegos. Valentín González Formoso estivo acompañado polo alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, por ser un dos concellos que conta cunha ampla comunidade emigrante nesta zona do país helvético.
No país helvético residen máis de 41.000 galegos, dos que máis da metade proceden da provincia coruñesa
No acto de conmemoración no Centro Español de Lyss, no que participaron máis de 300 emigrantes procedentes do cantón de Berna, Formoso destacou o papel que cumpren estas entidades que «desde hai décadas manteñen acendida a chama da galeguidade arredor do mundo, que difunden a nosa lingua e a nosa cultura e manteñen vivo o sentimento de pertenza e de orgullo por Galicia, a pesar da distancia».
Opresidente da Deputación coruñesa tamén destacou «a importante contribución da nosa emigración ao desenvolvemento e progreso de Galicia ao longo da historia, construíndo escolas e axudando a mellorar as condicións de vida nas súas vilas de orixe». Unha aportación que Formoso relacionou co carácter «emprendedor» dos galegos que se asentaron na diáspora na procura dunha oportunidade vital.
«Os vínculos que nos conectan con Suíza son de ida e volta. É a quinta provincia en territorio europeo»
«Galicia é unha terra de emigrantes. Hai medio millón de galegos no exterior, que é case a metade da poboación da provincia da Coruña. Sen embargo, os galegos sentimos tamén un fondo un apego pola nosa terra. Non é casualidade que morriña sexa unha palabra galega que se usa tamén en castelán», apuntou Formoso.
A quinta provincia en Europa
En Suíza residen na actualidade máis de 41.000 galegos, dos que a metade procede da provincia coruñesa. Isto converte ao país helvético na «quinta provincia en territorio europeo», xa que só en Suíza se concentra o 35% dos galegos que residen nalgún país de Europa que non sexa España.
Formoso felicitou aos socios do centro de Lyss «por 55 anos de compromiso con Galicia, de orgullo polas vosas raíces». Un sentimento que, segundo dixo, trasládase tamén ás novas xeracións de galegos nados en Suiza, «aos que recibimos cos brazos abertos cando queiran vir ou regresar a Galicia», subliñou.
Pola súa banda, o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, destacou «a cariñosa acollida» que recibiu por parte de moitos veciños da localidade na súa anterior visita a Lyss e destacou «a unión existente entre a comunidade galega».
Colaboración cos que queiran retornar
Tanto Formoso como Romar ofreceron a colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Santa Comba naquelas cuestións que podan ser de interese para a comunidade galega en Suíza, como as cuestións relativas aos trámites burocráticos para as persoas que queran regresar a Galicia.
Hoxe, Formoso visita Zurich, onde ten previsto achegarse ao Centro Cultural As Xeitosiñas para manter un encontro co presidente da entidade, José Gil, así como con outros destacados membros da comunidade galega nesta área do país. Nas reunións abordaranse posibles de colaboración bilaterais no ámbito do emprendemento, o coñecemento e a innovación e a cultura, así como para potenciar os produtos agroalimentarios da provincia coruñesa en Suíza.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Aire polar, temperaturas bajo cero y fuertes heladas: Galicia se prepara para un fin de semana gélido
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
- El Ensanche celebra el plan para Santiago de Chile pero pide más aparcamiento: «Lo ideal es el modelo de Pontevedra»
- Los sindicatos del transporte solicitan reunirse con la patronal: «Agardamos unha proposta seria»
- Polémica en Santa Marta por una obra autorizada junto a un hórreo centenario
- Oleada de robos: vecinos de Ames recurren a grupos de Whatsapp para avisar sobre «movimientos sospechosos»