PESCA
As redeiras galegas loitan para facer atractivo o oficio e garantir a remuda
Avanzar na formación e acadar o recoñemento das enfermidades profesionais, retos da Federación Peirao

Redeiras da Federación O Peirao nunha das visitas realizadas no País Vasco / O Peirao
A Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, que leva vinte anos loitando pola dignificación do oficio e polos dereitos das máis de trescentas profesionais que agrupa, segue dando pasos adiante para conquerir os obxectivos e retos marcados.
Dende hai seis meses, María Jesús González, da asociación Atalaia de Baixo Miño-A Guarda, é a presidenta da federación, logo de substituír á malpicana Verónica Veres. Ten claro que o principal reto é «dignificar e facer atractivo o noso oficio para garantir a remuda xeracional».
Unha das claves, engade, é a formación de novas profesionais, «no que xa se vén traballando nos últimos anos, e queremos que se reforce coa creación dun ciclo de FP», afirma. A cualificación é un primeiro paso, «pero temos que conseguir tamén mellorar as condicións laborais das redeiras, pois en moitos casos non acadan un soldo base e iso é un freo para que a xente nova vexa o oficio de redeira como una profesión de futuro», sinala María Jesús.

Grupo de redeiras galegas durante a súa visita a Euskadi / O Peirao
Actualmente, a redeira máis nova ten 33 anos, pero a maioría das profesionais supera os 40 anos e moitas os 50. «Somos un sector feminizado e moi envellecido», recoñece a presidenta de Peirao. Por iso, un dos retos da federación é traballar «para que non desapareza o sector, pois formamos parte da base da pesca e das nosas raíces», engade.
Ademais, dende O Peirao, despois de lograr que se apliquen ás redeiras os coeficientes redutores para poder acceder a unha pensión, o reto pasa agora por conseguir o recoñecemento das enfermidades profesionais que afectan ao colectivo.

Redeiras galegas visitando unha nave de redes no País Vasco / O Peirao
A maiores, María Jesús González, considera necesario tamén avanzar na loita contra o intrusismo profesional, que está a causar un importante prexuízo ao sector. «É xente que, en moitos casos, busca conseguir un sobresoldo e traballa moi barato, e así non podemos competir», sinala.

Redeiras galegas durante unha das visitas realizadas no País Vasco / O Peirao
Aínda que os retos e os obstáculos son moitos, María Jesús González, amósase optimista e considera que «hai futuro». Espera e desexa que o sector se manteña, «pois as redes fan falta para traballar no mar». Na federación teñen claro que deben seguir traballando día a día para «manter o nivel de empregabilidade e porque este sexa un traballo digno e valorado». Para iso tratan de «tecer redes» tamén entre os distintos colectivos porque «o asociacionismo fai moito», conclúe.
O sector aposta pola innovación e segue abrindo mercados fóra de Galicia
A aposta do sector pola innovación e a diversificación para abrir novos mercados comeza a dar froitos. A Asociación de Redeiras O Fieital, de Malpica de Bergantiños, que preside Ángeles Millé, recolleu o pasado día 15 en Madrid o terceiro premio de excelencia á innovación na actividade pesqueira, que lles foi entregado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación.
O colectivo foi recoñecido por contribuír á formación das súas asociadas, á súa visibilización, á diversificación económica e á participación en congresos e xornadas, o que lles permitiu mellorar a súa vida profesional.
Nesa dirección camiña tamén a Federación Galega de Redeiras O Peirao, buscando ampliar fronteiras a través de misións comerciais. A principios de mes representantes das distintas asociacións viaxaron a Euskadi para «intercambiar experiencias e coñecer outras realidades», afirmou a súa presidenta, quen asegura que «no País Vasco van por diante de nós, pois teñen mellores infraestruturas e condicións de traballo, e iso márcanos o camiño a seguir».
Xa fixeran expedicións similares a Portugal e Marrocos, pois a actividade e o bo facer das redeiras galegas fan que os seus produtos e servizos sexan demandados non só en Galicia, senón tamén en países como Francia, Irlanda ou Portuga, ademais doutras comunidades do Cantábrico. Non só traballan directamente para a frota pesqueira, senón que tamén abastecen a empresas de efectos navales dedicadas á distribución de distintas artes de pesca.
Suscríbete para seguir leyendo
- Tiendas y bares del aeropuerto de Santiago perderán más de 5 millones por el cierre por obras durante 35 días
- Cuando el periodista Fernando Ónega ganó dos premios Minerva en Santiago
- La Fiscalía pide cuatro años de prisión para un acusado de falsificar documentos para apropiarse de herencias de emigrantes gallegos en Santiago
- Londres dice que el dron que alcanzó la base británica en Chipre no fue lanzado desde Irán
- Sellan un boleto de la Bonoloto galardonado con 193.000 euros en la papelería Boo de Milladoiro
- Sara Ángela Balado, emprendedora en O Milladoiro: «Que ninguna mujer que quiera abrir su negocio se quede con la duda»
- Nueva agresión en la plaza del Toural de Santiago: un hombre rompe una botella en la cabeza a otro varón
- El mercado de Abastos de Santiago impulsa las cooperativas y la economía social
