Un Pasabodeghas a proba de tormentas
A celebración da cultura e a identidade tradicionais galegas que cada outono promove a Asociación Cultural San Campio na parroquia de Sarandón atopouse un ano máis coa chuvia

Actuación de música folclórica nunha das adegas do Pasabodeghas 2024 / Espazo Activo
«Isto non é nada. O ano pasado foi moito peor», repetían varios dos asistentes. Sen contexto mediante, podería ser unha frase calquera, mais no medio da chuvieira que durante varias horas afectou á celebración deste ano do Pasabodeghas resulta difícil dala por válida sen máis. Impermeables e calzado resistente á auga foron o uniforme oficioso desta edición dunha festa que, nunhas poucas edicións, xa se ten consolidado como unha das citas de referencia para a exaltación do viño da Ulla e da cultura e música tradicionais.
Museo ao aire libre
A parroquia de San Miguel de Sarandón, en Vedra, garda en moitos dos seus fogares unha chea de adegas que nas primeiras semanas do outono se enchen de actividade. Primeiro de todo, para fabricar o cotizado viño desta zona, incluída como unha subrexión da denominación de orixe protexida Rías Baixas; pero tamén para acoller este Pasabodeghas. Veciñas e veciños abren ás súas eiras e os seus lagares a centos de visitantes, que poden desfrutar de primeira man dos produtos elaborados. Viños, queixos, rixóns, guisos ou empanadas amenizan durante toda a tarde o percorrido por unha aldea que, por unha xornada, se converte nun museo etnográfico e vitivinícola de portas abertas a todo aquel que porte un xerro, o vaso cerámico que se entrega con cada entrada.

Unha das adegas do Pasabodeghas durante a tarde / Espazo Activo
Exaltación da música e cultura galegas
«O Pasabodeghas é para probar o viño. Non para encherse coma cans», advirten os carteis pendurados das paredes dos pendellos onde se improvisan barras e mostradores. Ademais das degustacións culinarias e enolóxicas, o Pasabodeghas é tamén un espazo para a exaltación da cultura e da identidade galegas a través da música. Unha vintena de agrupacións folclóricas, repartidas por toda a aldea, amenizaron a tarde con cancións e ritmos tradicionais. Pandeiretas, gaitas e muiñeiras comparten espazo nesta festa cos pipotes de viño, os xerros e as bandexas de pinchos.
Un espazo que este ano foi máis reducido por mor da chuvia, que, aínda que deu algunha tregua, caeu ao longo de toda a tarde e toda a noite en Sarandón. Por sorte, non pillou a ninguén de sorpresa e cada un dos espazos habilitados contaba con carpas ou espazos baixo teito nos que resgardarse da auga. Mesmo o tren turístico, que leva nun percorrido circular por todas as pistas da aldea, puido funcionar con normalidade e sen incidencias.
Participación de múltiples colectivos
O Pasabodeghas é unha actividade promovida polos propios veciños de Sarandón que conta co respaldo de diferentes institucións locais e autonómicas, e que integra na súa organización a colexios e varios colectivos da zona –mesmo de concellos veciños–; que se involucran axudando a preparar materiais que expoñer nas diferentes adegas, con temas etnográficos ou documentando a historia desta celebración, nada na década pasada.

Subida Ghaiteira no Pasabodeghas 2024 / Espazo Activo
Ca caída da noite, a iso das 21:00 horas, chegou o momento da tradicional Subida Ghaiteira, unha marcha encabezada por varios músicos aos que os asistentes seguen na penumbra portando fachos para iluminar o camiño e que depara estampas moi chamativas. O destino final desta procesión nocturna non era outro que o campo da festa do San Campio, en Sarandón; onde unha carpa de grandes dimensións albergaba o escenario preparado para os concertos da noite.

Concerto de Ailá na sesión nocturna do Pasabodeghas 2024 / Espazo Activo
Noite de concertos
Máis música tradicional, ca Banda das Crechas ou Ailá, e tamén un contrapunto con algo máis de rock, o de Monoulious Dop, serviron para poñer o peche a unha festividade exitosa malia o desfavorable das condicións meteorolóxicas. O viño da Ulla quedou debidamente exaltado unha vez máis nunha celebración singular da que aínda o domingo restaban retallos: unha foliada en sesión vermú con máis grupos de folclore e un tapeo comunitario para despedir, ata o ano que vén se todo vai como é debido, ao Pasabodeghas de Sarandón.
- Una cooperativa de viviendas en Santiago, preseleccionada al Premio Mies van der Rohe entre obras de toda Europa
- Muere una persona en Porto do Son después de chocar con un caballo
- La futura apertura de un Starbucks en el local del emblemático Alameda enciende las redes
- Agotado el Bono Activa Comercio tras solo dos días en funcionamiento
- Galicia veda la pesca del salmón para la próxima temporada en todos sus ríos
- Talan sin previo aviso un histórico abeto del campo de fútbol de Conxo: 'Me han enterrado a un amigo dos veces
- As Cancelas revela al primer artista confirmado para su festival de música gratuito
- Muere Jesús Bernal, el atleta más querido del circuito gallego

