Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Instálanse unha quincena de cámaras no polígono industrial da Tomada na Pobra para mellorar a súa seguridade

A iniciativa contou cun investimento de 17.000 euros e as imaxes están controladas pola Policía Local

José Carlos Vidal e un axente da Policía Local comproban o visionado das cámaras instaladas no polígono industrial da Tomada

José Carlos Vidal e un axente da Policía Local comproban o visionado das cámaras instaladas no polígono industrial da Tomada / Cedida

A Pobra

A Concellería da Seguridade da Pobra do Caramiñal instalou a finais da pasada semana unha quincena de cámaras por todo o polígono industrial da Tomada, co obxectivo de mellorar a seguridade dos negocios do parque empresarial. As cámaras están controladas pola Policía Local e o investimento da súa instalación ascendeu a aproximadamente 17.000 euros.

O alcalde e titular de Seguridade, José Carlos Vidal, sinalou que coa instalación destas cámares se busca "reforzar a seguridade nun punto estratéxico para a economía local como é o polígono industrial da Tomada. Deste xeito, os nosos efectivos municipais teñen un control en tempo real do tránsito por este parque empresarial".

Esta iniciativa súmase á xa emprendida a finais de setembro cando se colocaron dúas cámaras na rúa Cinco Calles por un importe de 4.000 euros. "Aquí a finalidade é vixiar que esta vía é empregada exclusivamente polos vehículos autorizados", sinalou o alcalde, que tamén engadiu que non descarta implantar esta medida noutras áreas do municipio en función das necesidades detectadas dende o corpo policial.

Tracking Pixel Contents