Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Teo celebrará un novo San Martiño con premios para tratantes de gando

A centenaria feira cabalar volve ao concello nunha nova edición chea de música tradicional, actividades e degustacións culinarias

Presentación da edición de 2024 da feira cabalar do San Martiño de Francos

Presentación da edición de 2024 da feira cabalar do San Martiño de Francos / Concello de Teo

Javier Ramos

Javier Ramos

O Concello de Teo celebrará o vindeiro 11 de novembro unha nova festividade do San Martiño coa habitual feira cabalar de Francos, unha cita de referencia na contorna para o mundo do gando, especialmente do equino. Por este motivo, a Administración local fixo pública onte a súa intención de premiar aos tratantes que participen nesta edición dunha feira que ten lugar neste municipio de forma documentada dende hai séculos.

Así pois, haberá galardóns para os tratantes de maior e menor idade, e tamén para os que máis cabezas de gando acheguen á cita ou maior diversidade de razas e especies. Do mesmo xeito, o público asistente do día 11 de novembro ao recinto da Carballeira de Francos tamén recibirá un pequeno premio en agradecemento polo seu esforzo en manter viva unha tradición centenaria.

A feira comezará, como de costume, ás seis da mañá e desenvolverase ao longo dun día no que tamén están previstas outras actividades, coma o tradicional mercado de artesanía, con demostracións en vivo. Desta forma, haberá obradoiros de cociña con produtos de tempada, entre eles castañas ou cabazas; e catas de diferentes queixos, viños, licores ou meles de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de toda Galicia. Paralelamente, os espectáculos da Barraca de Barriga Verde, pensado para todos os públicos, e a música itinerante da Charanga Calo amenizarán esta xornada festiva.

Será o día grande dun calendario de eventos que dará comezo o día 8 de novembro, venres, coa lectura do pregón deste San Martiño de Francos 2024 a cargo do comunicador e divulgador científico Ignacio Balboa; veciño de Teo. Xa no propio recinto da carballeira haberá música esa mesma noite co concerto ás 21:30 horas da banda Astarot, con entrada de balde.

A implicación de varias asociacións culturais do municipio permitirá que o día 9, da man do Colectivo A Rula, se leve a cabo unha ruta interpretativa polas terras da mitolóxica Raíña Lupa, así como unha proxección e coloquio sobre o paso do tempo pola celebración do San Martiño en Teo. Esa mesma xornada, o Centro de Información á Muller teense organizará un escape room temático sobre a igualdade e a Asociación Musical Ghazafellos encargarase da foliada polas carpas da polbeiras.

Xa durante o domingo 10 de novembro, haberá varias actividades pensadas para os máis pequenos da familia centradas no mundo cabalar, que van dende xogos de mesa xigantes, obradoiros de xoguetes, chapas e galletas ou xincanas con recompensa final; ademais dos concertos de Pakolas e das actuacións dos Esfolladores de Illobre.

A feira cabalar do San Martiño de Francos é unha das principais festividades do ano no Concello de Teo, que este mesmo ano lle ten volto solicitar á Xunta a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia apelando ao seu valor cultural, gastronómico e etnográfico. «É o evento sociocultural e económico máis importante do noso municipio», destacou onte na presentación a alcaldesa, Lucía Calvo, que valorou que esta cita siga tendo lugar «no lugar de sempre», na Carballeira de Francos, que acolle este evento dende hai máis de cincocentos anos. «Manter esa ubicación, manter a tradicional trata de gando e seguir apostando pola nosa historia fai deste evento unha cita ineludible», remarcou.

A rexedora tamén quixo aproveitar a oportunidade para animar a xente a acudir a unha celebración que se prolongará durante catro días e na que habrá -dixo- «actividades para todas as idades e para todos os gustos».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents