Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A CMAT celebra o IV Encontro de Turismo da Costa da Morte, un espazo de relax e de promoción do xeodestino

No evento entregarase o II Premio Embaixador Costa da Morte e expoñeranse as fotografías do concurso Naturalmente Salvaxe

A Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) celebra este martes 12 de novembro o evento anual de turismo do xeodestino, unha iniciativa que conta coa axuda financieira de Turismo de Galicia. Dende as 18.00 horas, diferentes personalidades do turismo do sector público e privado daranse cita no Pazo de Trasariz, onde terán a oportunidade de compartir os seus coñecementos e vivencias que contribúen ao desenvolvemento da Costa da Morte, así como as accións que se executaron ao longo deste ano na zona. Trátase dun encontro que, máis alá de facer balance do traballo realizado, busca consolidarse como un espazo de relax e networking no que compartir experiencias e estreitar lazos.

Nesta cuarta edición do Encontro de Turismo da Costa da Morte, o evento reafírmase como unha platafroam na que os representantes do sector público e privado poden contribuír ao impulso do xeodestino e avaliar os logros da CMAT, que traballa intensamente ao longo do ano para potenciar o turismo na rexión, así como para explorar novas ideas e enfoques que impulsen o desenvolvemento da Costa da Morte.

IV Encontro de Turismo da Costa da Morte

IV Encontro de Turismo da Costa da Morte / Cedida

Durante o encontro, entregarase ademais o II Premio Embaixador Costa da Morte, que nesta ocasión recibirá Bieito Romero Copo, membro fundador do grupo Luar na Lubre. Así mesmo, a xornada estará enriquecida cunha mostra de artesanía local e coa exposición das fotografías finalistas do I Concurso Fotográfico Costa da Morte - Naturalmente Salvaxe. Este certame, que estivo activo dende xuño ata o 31 de outubro, serviu para dinamizar as redes sociais da CMAT, onde máis de cincuenta publicación demostraron a gran riqueza natural do territorio baixo o cancelo #concursonaturalmentesalvaxe.

O presidente da CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a gran acollida e o desenvolvemento deste concurso fotográfico: "Esta primeira edición abre unha boa oportunidade para seguir ampliando as iniciativas de promoción turística nas redes sociais. A boa participación e a diversidade das imaxes demostran unha vez máis a riqueza do noso territorio en moitas áreas".

Este Encontro de Turismo da Costa da Morte configura un espazo de intercambio e relax, pero tamén de visión e compromiso, onde os profesionais poden facer balance das iniciativas xa realizadas, así como obter inspiración para futuros proxectos. Con esta proposta, a CMAT consolida o encontro como un elemento chave para o desenvolvemento turístico e económico da Costa da Morte.

Tracking Pixel Contents