Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Boqueixón prepara a concentración parcelaria de catro parroquias

Constituídas as xuntas locais que coordinarán unhas labores que afectarán a 1.957 hectáreas de terreo en Lamas, Loureda, Sergude e Vigo

Xunta local para os trámites de concentración parcelaria nas parroquias de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo, en Boqueixón

Xunta local para os trámites de concentración parcelaria nas parroquias de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo, en Boqueixón / Concello de Boqueixón

Javier Ramos

Javier Ramos

Arredor de trescentos veciños das parroquias de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo participaron onte na xunta de titulares convocada polo Concello de Boqueixón para avanzar nos trámites da concentración parcelaria que se prevé realizar nestes lugares.

Dita actuación, na que a Xunta de Galicia prevé investir 5,8 millóns de euros, implicará a reorganización de 1.957 hectáreas de terreo, de 1.195 propietarios diferentes e nas que se ten constancia da existencia de 136 explotacións agropecuarias. O uso das mesmas é maioritariamente forestal e, entre este tipo de terreo, pastos arbustivos e terras arables suman a práctica totalidade da superficie afectada pola parcelaria.

No día de onte, quedou constituída a xunta local de zona, que debe coordinar este proceso xunto cos técnicos da Consellería de Medio Rural, e que estará formada por un representante titular de cada parroquia, así coma dun suplente.

Os traballos da parcelaria neste concello xa teñen dado comezo co levantamento topográfico de varias zonas dende a semana pasada e prolongaranse ata decembro de 2025.

O alcalde Ovidio Rodeiro salientou a importancia de que os propietarios se unan ás canles de difusión oficiais para poderen seguir os avisos informativos de cada fase do proceso.Así mesmo, lembrou que as fincas deben estar rozadas e que precisarán de autorización para calquera actividade que poida modificar o seu valor.

Tracking Pixel Contents