Milleiros de persoas enchen a carballeira de Francos nunha nova edición da feira cabalar do San Martiño
Ademais das tradicionais poxas de gando equino, houbo espazo para postos de gastronomía, artesanía e actuacións musicais

Javier Ramos / Javier Rosende Novo
Hai aproximadamente cincocentos anos que a carballeira de Francos, na parroquia teense de Calo, é o lugar escollido cada día 11 de novembro, na festividade do San Martiño, para celebrar unha feira cabalar que neste 2024 volveu congregar a unha importante multitude de asistentes.

Así foi a feira cabalar do San Martiño de Francos, en imaxes / Antonio Hernández
Malia que a actividade xa comezara nos días previos con concertos, exposicións e a instalación dos diferentes postos comerciais, o día grande da feira foi, con diferenza, o que máis xente congregou nun recinto que xa ás seis da mañá presentaba actividade ca tradicional trata de gando equino. Nela, as poxas ofertadas variaron entre os douscentos euros do animal de menor prezo e os tres mil dos máis cotizados; acorde ca diversidade dunha mostra que incluía animais de moi diferentes fisionomías e características. Mesmo nas horas posteriores podían verse, atados aos carballos e postes do recinto, ponis, burros, cabalos de tiro, bestas, sementais e unha ampla variedade de razas equinas.

Así foi a feira cabalar do San Martiño de Francos, en imaxes / Antonio Hernández
Ao longo da mañá, varios grupos de xinetes foron chegando ata a carballeira, onde realizaron un paso para desfrute de toda a veciñanza do lugar. Foron eles tamén, xunto aos tratantes de gando, os protagonistas da homenaxe que a organización desta feira realizou na xornada de onte, na que foron distinguidos cun pequeno agasallo os asistentes a cabalo e os coidadores destes animais. Así mesmo, repartíronse premios para o tratante de maior idade e o máis xoven, que foron parar, respectivamente, a Andrés Veiga e a Ganados Nimo. Mentres tanto, o galardón á maior variedade de équidos foi parar a Juan Jamardo.

Así foi a feira cabalar do San Martiño de Francos, en imaxes / Antonio Hernández
Aínda que a feira cabalar do San Martiño de Francos vira arredor desta especie, a actividade non se limita só a compravenda de gando; senón que por todo o lugar medran os postos de roupa, artesanía, comida, bebida e ata xoguetes; nos que destacaron especialmente produtos de tempada coma as castañas, as noces ou as cabazas, á par que outros bens típicos da gastronomía galega coma o queixo, o viño ou o pan. Churrerías e as habituais carpas de polbo e churrasco completaron a paisaxe dunha feira típica e cuxo número de visitantes non deixaba de aumentar conforme pasaban as horas da mañá e se achegaba o mediodía.

Cargos da Xunta e alcaldes de municipios da comarca nesta edición da feira do San Martiño de Francos / Xunta de Galicia
Para amenizar a xornada, a organización propuxo xogos populares, obradoiros de cociña, catas e degustacións de alimentos tradicionais; ademais de actividades coma o espectáculo itinerante de música O cego na feira ou a barraca de Barriga Verde, na que houbo actuacións durante todo o día. Así mesmo, a charanga da Sociedade Recreativa de San Xoán de Calo tamén pasou pola feira coa súa música.

Importantes retencións nos accesos ao recinto pola estrada nacional N-550
A celebración dunha nova edición da feira cabalar do San Martiño de Francos trouxo consigo certas complicacións para o tráfico na estrada nacional N-550, a cuxo pé se sitúa a carballeira que alberga esta festividade dende hai case cincocentos anos. A práctica totalidade dos asistentes a este evento optaron por achegarse no seu vehículo privado, o que terminou redundando en importantes retencións, de ata varios quilómetros de lonxitude, no carril desta infraestrutura en dirección Pontevedra nas horas do mediodía.
Aínda que existía un amplo número de estacionamentos habilitados na contorna da carballeira, foron insuficientes para atender con dilixencia o importante volume de tráfico que xeraron a feira máis o mercado, o cal causou que a mobilidade na zona fora menos fluída do habitual e ralentizara os desprazamentos por esta estrada ao longo da xornada.
- Crónica social compostelana | El Secreto de San Lázaro: desayunos, vinos y cócteles con alma compostelana
- Urovesa entregará en 2026 los primeros prototipos del blindado VERT destinados al Ejército
- Entra en vigor el encierro de aves de corral en 40 concellos por la gripe aviar
- Santiago calienta motores para el 'As Cancelas Music Fest' con Nena Daconte, Cepeda, Ortiga y Menta Poleo
- Vuelca un coche en la AG-56 a la salida de la autopista en Santiago
- Renfe anuncia la cancelación de trenes entre Ourense y Santiago por unas obras en diciembre
- Mil docentes de colegios e institutos dejan las aulas gallegas este año
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
