Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As rutas de peregrinaxe unen Padrón ca vila xaponesa de Shingu

Os dous municipios asinaron este mércores un acordo de irmandamento como lugares polos que pasan os dous únicos itinerarios recoñecidos pola Unesco

Acto institucional de irmandamento entre o Concello de Padrón e a vila xaponesa de Shingu

Acto institucional de irmandamento entre o Concello de Padrón e a vila xaponesa de Shingu / Concello de Padrón

Javier Ramos

Javier Ramos

Poucos, pode que ningún, veciños de Padrón tiñan trato ata o de agora ca vila xaponesa de Shingu. Unha urbe de escasos 30.000 habitantes na outra punta do planeta, situada a cincocentos quilómetros ao sur de Toquio, na prefectura de Wakayama. A efectos prácticos, un lugar exótico no que non cabería agardar demasiada proximidade cultural. Mais, entre as distancias e as diferenzas, tamén agroman os puntos de entendemento. Ambas as dúas vilas forman parte do percorrido das dúas únicas rutas de peregrinaxe recoñecidas pola Unesco como Patrimonio de Humanidade: o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo.

Dous itinerarios que mesturan a fe e a relixión co contacto ca natureza e que levaron a que onte ambos os dous municipios asinaran na casa consistorial de Padrón un acordo de irmandamento que sela por escrito os seus lazos. Anxo Arca, como rexedor padronés, e Michitoshi Taoka, como alcalde de Shingu, déronse as mans e intercambiaron obsequios nun acto simbólico que vén tender pontes entre dúas sociedades diferentes, afastadas e á vez próximas.

Anxo Arca e Taoka Machitoshi asinan o irmandamento entre Padrón e Shingu (Wakayama, Xapón)

Anxo Arca e Taoka Machitoshi asinan o irmandamento entre Padrón e Shingu (Wakayama, Xapón) / Concello de Padrón

Así, Padrón fixo entrega á delegación xaponesa dun peregrino de cerámica de Sargadelos; á vez que recibían unha talla de madeira de castiñeiro coas heráldicas dos dous municipios gravadas, un regalo tradicional desta zona do país asiático. Foi un breve acto protocolario que serviu como preludio da visita guiada da que os visitantes desfrutaron ao longo do día, que incluíu o paso por lugares tan emblemáticos coma a igrexa parroquial de Santiago, a fonte do Carmo, o Santiaguiño do Monte, as fundacións de Camilo José Cela e Rosalía de Castro ou a desembocadura do río Ulla.

Delegación xaponesa, con cargos institucionais de Padrón, visitando os lugares emblemáticos do concello

Delegación xaponesa, con cargos institucionais de Padrón, visitando os lugares emblemáticos do concello / Concello de Padrón

A sinatura institucional deu comezo cun minuto de silencio solemne na honra de Eduardo Otero, primeiro alcalde de Padrón en democracia, que faleceu este martes aos 77 anos de idade. O actual rexedor, Anxo Arca, lembrou a memoria do seu antecesor, a quen lle agradeceu o seu compromiso e o seu esforzo por traer a normalidade democrática ao concello.

Con respecto do acto de irmandamento, sinalou que servirá para «fomentar a concordia e o coñecemento entre rexións moi distintas, pero con grande vontade de entendemento». É o terceiro acordo deste estilo que se asina en Padrón, despois dos acadados o século pasado con Compostela e Rianxo.

Pola súa parte, o seu homólogo xaponés, Michitoshi Taoka, destacou que neste 2024 fanse vinte anos exactos da denominación do Kumano Kodo, e de Shingu, por extensión, coma Patrimonio da Humanidade. Así mesmo, enfatizou as similitudes entre Padrón e esta vila xaponesa pola súa condición de lugares de paso de peregrinaxes, a importancia dos ríos na súa paisaxe urbana ou o seu capital cultural.

Tracking Pixel Contents