Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A limpeza dos ríos para previr inundacións en Padrón enfronta á Xunta e ao Concello

As dúas institucións acúsanse mutuamente de deixadez de funcións nuns traballos necesarios para evitar anegamentos nunha zona de alto risco

Inundacións ao paso do río Sar polo Concello de Padrón causadas pola borrasca Kirk

Inundacións ao paso do río Sar polo Concello de Padrón causadas pola borrasca Kirk / Xoán Álvarez

Javier Ramos

Javier Ramos

Padrón é un dos seis municipios incluídos entre os de maior risco de inundacións perigosas de toda Galicia na última actualización do plan da Xunta nesta materia. O pasado mes de outubro, o paso da borrasca Kirk deixou xa imaxes de vivendas anegadas e afectou a negocios de hostalaría da zona. Porén, nin o Concello nin o Goberno galego teñen acadado unha postura común sobre a xestión destas eventualidades.

Dende a Xunta, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, trasladou este martes, durante unha visita ao municipio, que son os Concellos os que deben «ter os cauces dos seus ríos limpos» ao pasaren por zonas urbanas; responsabilidade que o alcalde de Padrón, Anxo Arca, non nega, mais si acusa a Augas de Galicia –entidade dependente da Consellería– de non conceder os permisos necesarios.

A Administración autonómica replica que este permiso ao que aluden dende a corporación ten que ver cun proxecto na área recreativa de Areeiro que excede as súas competencias polas características do mesmo e que, para as limpezas correntes, coma a retirada de árbores, abonda cunha declaración responsable para poder executar os traballos.

Con todo, dende Padrón responden que a Xunta insiste en «botar balóns fóra» e non facerse cargo das súas competencias mentres os ríos «están absolutamente a monte» nas áreas baixo a súa responsabilidade, onde «nin limpa nin deixa limpar».

É a mesma acusación que onte devolveu a conselleira aos responsables municipais, a quen responsabilizou de ter paralizadas varias actuacións de drenaxe, mellora e protección dos cauces fluviais existentes no concello por non ter feito os trámites precisos. «Fíxose unha grande inversión e crédeme que se podía ter feito máis», asegurou Vázquez, quen pediu que se poñan a disposición de Augas de Galicia os terreos nos que está previsto intervir.

Malia a falta de sintonía, ambas as dúas institucións teñen pendente a celebración dun encontro para abordar estas cuestións nunha data próxima.

Tracking Pixel Contents