Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

MEDIO AMBIENTE

Trinta medidas para coidar e valorizar os Penedos de Pasarela e Traba

O plan de xestión é o primeiro que se aproba en Galicia para unha paisaxe protexida

Alfonso Rueda coa conselleira, rexedores, concelleiros e técnicos nos Penedos

Alfonso Rueda coa conselleira, rexedores, concelleiros e técnicos nos Penedos / C. V.

Laxe

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e dos rexedores de Laxe, Francisco Charlín, e Vimianzo, Mónica Rodríguez, visitou o espazo natural dos Penedos de Pasarela e Traba coincidindo coa posta en marcha do Plan de xestión, que é o primeiro que se aproba en Galicia para garantir a protección e conservación dunha paisaxe protexida. «Isto vai permitir contar cunha planificación e un orzamento para aproveitar e coidar ao máximo este espazo», indicou o presidente.

Rueda desfrutando das vistas dende os Penedos de Pasarela e Traba

Rueda desfrutando das vistas dende os Penedos de Pasarela e Traba / David Cabezón

Trátase dun espazo natural único pola singularidade e valor da súa xeomorfoloxía, a riqueza da súa biodiversidade e a súa situación xeográfica, que o converte nun balcón natural cara ao Atlántico. Por iso, Rueda salientou a importancia de contar co Plan de xestión para «sinalizar, ordenar e promover este espazo como un recurso turístico». Nesta liña, indicou que os Penedos axústanse ao turismo polo que aposta Galicia, «un turismo sostible, de paisaxe e respectuoso co medio».

O alcalde de Laxe quixo destacar «a singularidade da paisaxe, de gran valor, que merece ser coidada e promovida garantindo a súa conservación. Estou seguro de que este plan marcará a ruta a seguir para traballar de maneira conxunta na mesma liña». A súa homóloga de Vimianzo subliñou «a importancia de dar a coñecer a riqueza coa que contamos e poñela en valor. Este plan é un antes e un despois para converter este espazo nun punto de referencia».

Francisco Charlín, esquerda, Mónica Rodríguez, Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda nos Penedos

Francisco Charlín, esquerda, Mónica Rodríguez, Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda nos Penedos / David Cabezón

O referido plan, que foi publicado este martes no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor en 20 días, busca definir cales son os principais valores da zona a protexer e os posibles riscos, así como regular os usos e actividades que se poden realizar neste espazo natural. Está dotado con case 600.000 € e inclúe preto dunha trintena de medidas tanto para preservar o espazo natural como para promocionar e difundir a súa singularidade e importancia.

Rueda, con alcaldes, deputados, concelleiros e técnicos nos Penedos

Rueda, con alcaldes, deputados, concelleiros e técnicos nos Penedos / C. V.

Entre as iniciativas que se van levar a cabo figuran a plantación de árbores autóctonas, a eliminación de especies invasoras, o inventariado da toponimia e as lendas da zona, a limpeza e conservación dos viarios, a instalación de novos paneis informativos e a mellora da sinalización. Tamén se farán estudos sobre os efectos do cambio climático neste espazo, organizaranse visitas guiadas da man dun xeólogo e elaborarase material divulgativo.

TEMAS

Tracking Pixel Contents