Ames afiánzase como escaparate do talento do sector audiovisual galego
Trece creadores expuxeron ante profesionais e potenciais investidores os proxectos que desenvolven no programa do Concello

Blas García, diante, no centro, cos creadores, representantes institucionais e profesionais. / Cedida
A casa da cultura do Milladoiro acolleu un acto no que 13 dos 15 creadores e creadoras que participan no Ames AV LAB, o laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual do Concello de Ames, expuxeron os avances dos seus proxectos (tras seis meses de formacións e titorizacións con expertos)ante representantes institucionais, profesionais do sector e potenciais investidores.
Dita exposición serviralle á comisión de avaliación para determinar a puntuación final que se lle outorgará a cada proxecto. Posteriormente celebrarase un acto para a entrega dos 7 premios de 10.000 euros cada un destinados ás actividades de definición e desenvolvemento inicial dos proxectos seleccionados.
Rosa Ana García, deputada provincial da área de Emprego da Deputación da Coruña, destacou que «dende que comezou, en maio deste ano, este programa tivo un gran impacto, ofrecendo formación integral en áreas clave como guión, produción, posprodución, financiamento, mercadotecnia e distribución».
"Quero lembrarlles aos participantes do Ames AV LAB que este non é o final do camiño, senón un paso máis. Unha nova etapa que se abre ante vós chea de oportunidades, desafíos e logros. A industria audiovisual precisa de persoas como vós, cunha visión fresca, innovadora e valente. Por iso, deséxovos o mellor no voso futuro profesional", sinalou a deputada provincial.
O alcalde, Blas García, resaltou a importancia do Ames AV LAB «como ferramenta para apoiar e impulsar a industria audiovisual».
Estes proxectos, que comezaron como ideas, culminaron o programa con propostas sólidas, incluíndo guións elaborados, orzamentos e plans de financiamento, estratexias de distribución e teasers que ilustran o progreso de cada iniciativa.
«Ames é un concello referente na produción de audiovisual a nivel galego, e o Concello, a institución máis próxima ás persoas, non pode estar ao marxe desta realidade. O noso deber é potenciar un sector estratéxico que conta en Galicia con máis de 700 empresas, factura 411 millóns de euros anuais e concentra 4.500 empregos directos», engadiu.
"Este é un proxecto único, moi acaido nun concello como Ames; sempre nos gusta dicir que somos distintos e que facemos políticas distintas. Apostamos polo emprego, pola innovación, polo talento", dixo o alcalde, que ademais agradeceu a implicación da Deputación "que, como sempre, é a administración que máis cree e apoia os proxectos municipais".
García engadiu que "este proxecto que ten a marca Ames merece seguir adiante e consolidarse".
Os trece proxectos presentados son: 42.195 metros (Noelia Papín e Álvaro Liste), longametraxe de ficción; Amil (Julia Herrmann), serie de ficción; As labregas (Rosa Taboada), longametraxe de ficción; Cartas de esperanza (Silvia Varela e Nicolk López), curta de ficción; Cuando los árboles lloran (Miguel Bouzas), curta de ficción; Dous nichos para Maruja (Santiago Araújo), curta documental; Fóra de campo (Neves Rodríguez e Manuel Barreiro), curta non ficción; Hacia el espacio interior (Roi Grandío), documental; Németo (Marta Insúa e Sara Ferro), curta de ficción; O laúro (Andrés Sanjurjo e Giovanna Lopalco), curta de animación; Orquestra Raíña (Sergio Rodríguez), serie de ficción; Serenade (Pedro Díaz e Marina García), longametraxe de ficción; e Tramoloxía (Álvaro Alvite), ficción/falso documental.
No acto fíxose un agradecemento especial ás empresas que constitúen a Comisión de Gobernanza, entre elas Ficción Producciones, Mirabelle Comunicación, Setemedia Producciones, Zenit TV e Cinemar Films, cuxo papel foi fundamental para o desenvolvemento do programa. Estas entidades, implicadas dende o inicio do laboratorio, achegaron a súa experiencia e coñecemento, asegurando que o Ames AV LAB estivera aliñado coas necesidades da industria e contribuíra á súa profesionalización.
O éxito desta primeira edición reforza a visión do Concello de Ames como un referente no ámbito audiovisual, grazas a un ecosistema dinámico que combina talento, infraestruturas e apoio institucional.
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo
- Hasta cinco tapas gratis por consumición: la nueva cafetería que no querrás perderte en el corazón de Santiago
- La Deputación da Coruña licita por 1,12 millones la adquisición de un inmueble para su sede en Santiago
- Augas de Galicia sanciona al Concello de Santiago con 300.000 euros tras mediciones en el río Sar
- El bar a 20 minutos de Santiago donde Netflix rodó una de sus series más vistas: 'Fue una experiencia flipante
- Aumenta la división sindical por el conflicto de los autobuses tras la última reunión mediadora
- El aeropuerto de Santiago pierde uno de cada tres pasajeros con respecto al año pasado