Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames prepara a estrea dunha curta que imaxina como será a vida en 2074

Mulleres rurais da parroquia de Biduído protagonizan ‘Raíces. Da utopía en diante’

Rolda de prensa de presentación da curta 'Raíces. Da utopía en diante'

Rolda de prensa de presentación da curta 'Raíces. Da utopía en diante' / Concello de Ames

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro sábado 30 de novembro a estrea oficial de Raíces. Da utopía en diante, unha curtametraxe de ciencia ficción elaborada por varias cooperativas e protagonizada por mulleres rurais da parroquia amesá de Biduído da que este xoves foi revelado o seu tráiler.

O filme ambiéntase nun Ames utópico do ano 2074, onde a emerxencia climática xa foi superada e no que xorden novos modos de vida. O obxectivo dos seus creadores -explicaron hoxe na presentación que tivo lugar na Casa do Concello- é «amosar un futuro posible e desexable», a partir da narración da vida cotiá de varias mulleres. Medio ambiente, xénero, rural e sentimento de comunidade son algún dos elementos fundamentais desta historia.

A entrada para o pase de estrea será de balde ata completar o aforo e, despois desta presentación, comezará a andaina da curta por festivais de cine e a súa proxección noutros espazos comunitarios.

Raíces. Da utopía en diante é froito do traballo colaborativo entre Feitoría Verde e Illa Bufarda, as entidades promotoras xunto ao grupo Chévere de teatro, e contou co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e do Concello de Ames.

Responsables da produción deste filme destacaron a importancia de que se trata dunha historia contada e protagonizada por mulleres, que na súa confección estivo sempre presente unha perspectiva interxeracional que sumou as aportacións de persoas de diferentes idades acerca das causas e posibles consecuencias do cambio climático.

Tracking Pixel Contents