AMES
Aumenta un 17,5% o alumnado das escolas de Covas e Ortoño
As familias avalan o modelo e a implementación dos servizos complementarios de educación e conciliación

Alumnos da escola unitaria de Covas / Concello de Ames
As escolas unitarias de Covas e A Igrexa, situada en Ortoño (Ames), completaron este curso as 20 prazas dispoñibles en cada unha delas. Na primeira incrementouse nun 20% o alumnado respecto do curso anterior, mentres que na da Igrexa aumentou nun 15%.
A implantación dos servizos complementarios de educación e conciliación «resultou fundamental para que as familias seguisen apostando por este modelo educativo», subliñan dende o Concello de Ames. No servizo de Bos Días Cole hai matriculados actualmente 12 alumnos e ao comedor acoden 35 nenos e nenas.
Dos 3.714 nenos e mozos escolarizados en Educación Infantil, Primaria e Secundaria durante este curso nos centros de ensino de Ames, un total de 40 nenos e nenas de 3 a 6 anos acoden ás escolas unitarias de Covas e A Igrexa. «A cativada que asiste a estes centros goza dunha experiencia formativa diferente, con escolas de menores dimensións situadas no rural», destacan dende o goberno local amiense.
Durante os últimos anos, o Concello de Ames realizou varias campañas de información e difusión das súas escolas infantís unitarias, co fin de poñelas en valor e dalas a coñecer ás familias que poidan estar interesadas no seu formato formativo.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, destacou durante a súa visita á escola da Igrexa os bos datos de escolarización que teñen as dúas unitarias de Ames. «Dende o goberno municipal queremos poñer en valor este modelo e trataremos de continuar mellorando as súas instalacións», sinalou.
Silvia Seoane Coto e Carmen Contreras Álvarez son as mestras da escola de Covas. Silvia asegura que «esta unitaria segue mantendo a súa esencia, pero xa non ten ese concepto de escola rural como tiña antes. A maior parte do alumnado procede da área urbana». Este modelo, engade, «permite ofrecerlles aos alumnos unha atención máis próxima, algo que é máis difícil de ofrecer nun centro con maiores dimensións e máis alumnado».
Para Carmen Álvarez, mestra de apoio, esta é a súa primeira experiencia como docente. «Está sendo moi positiva. Acabo de sacar a praza, polo que é moi proveitoso o traballo que estou realizando e gustaríame seguir nunha escola pequena», afirma.
Na escola da Igrexa exercen como mestra María Luísa Quintáns e como profesora de apoio Montserrat da Costa. A primeira asegura que «moitas familias escollen esta unitaria pola relación tan estreita que temos co alumnado e coas familias, pero ademais polo patio externo, que é moi grande e no que os nenos e nenas poden estar en contacto coa natureza». Destaca tamén «a gran colaboración das familias» do alumnado, apoiando as labores no horto e a instalacións de elementos do patio exterior.
- Adiós a la lluvia: Galicia se prepara para dejar en casa los paraguas y pone fecha a la vuelta del sol
- Uno de los mejores panes de España se hace en Santiago: 'Un día normal aquí son 14 horas de trabajo
- As chuviscadas non paran o Entroido
- Entroido en Santiago 2026
- Muere Santiago Ferreiro Fernández, figura clave de la Semana Santa compostelana
- Tributo a los mayores de Ames con más de mil kilos de cocido y música: 'Moi rico e abundante
- Un alumno del Centro Superior de Hostelería de Galicia competirá por crear “El sándwich más bueno del mundo”
- Sin avances en la negociación del convenio del transporte: la CIG se encierra en la sede de la patronal



