Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Melide prevé problemas de tráfico tras a apertura do novo tramo da A-54

Contan con que o centro urbano pase a ter un elevado volume de vehículos pesados

Centro urbano de Melide

Centro urbano de Melide / GM

O Concello de Melide trasladou ao Goberno de España, en concreto ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a súa «preocupación» polos problemas de circulación que a apertura ao tráfico do tramo da A-54 dende esta localidade ata Palas de Rei pode causar no centro urbano do municipio.

Dende o Executivo local, prevén un importante incremento do tráfico pesado na estrada AC-840, que pode chegar a causar «grandes retencións» na vila ante a «dificultade dos grandes vehículos de carga para efectuar o xiro na rotonda central» desta estrada. Nesta zona, engaden, xa se rexistra a diario un «notable tráfico de camións».

Do mesmo xeito, Melide advirte da perigosidade da proximidade de servizos, como colexios, centros de saúde ou o propio campo de fútbol municipal, aos accesos á nova autovía; polo que demanda a instalación de elementos de seguridade no tramo urbano que levan á mesma, tales coma semáforos ou pasos de peón luminosos.

Así mesmo, reclaman unha nova xuntanza coa subdelegada provincial do Goberno «coa fin de traballar en posibles solucións», como a apertura dun tramo da autovía Melide-Arzúa que desvíe o tráfico pesado da vila ou unha regulación que leve este tipo de vehículos pola N-547 e non pola AC-840, na que prevén as maiores complicacións.

Tracking Pixel Contents