Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A poxa de gando frisón de Mazaricos recada 52.300 € pola venda de dezaoito reses

O prezo máis alto rexistrado foi de 4.600 €, e sorteáronse 2.000 € en premios entre todos os asistentes á Semana Gandeira

Unha das vacas subastadas onte na Semana Gandeira de Mazaricos.

Unha das vacas subastadas onte na Semana Gandeira de Mazaricos. / Cedida

Mazaricos

O recinto feiral da Picota (Mazaricos) acolleu este domingo a última xornada da Semana Gandeira, na que se celebrou unha poxa de gando frisión á que asistiron a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e o alcalde, Juan José Blanco.

A representante autonómica puxo en valor a importancia para Mazaricos dun sector, o gandeiro, onde é líder galego, como primeiro produtor de leite.

Centos de persoas interesáronse na adquisición dalgún dos 18 animais que saían a poxa. Finalmente, os 18 lotes vendéronse sumando un total de 52.300 euros de negocio. O prezo máis alto acadado foi de 4.600 euros.

O alcalde, Juan José Blanco, e a conselleira María José Gómez, na Semana Gandeira.

O alcalde, Juan José Blanco, e a conselleira María José Gómez, na Semana Gandeira. / Cedida

Ao finalizar a poxa sorteáronse máis de 2.000 euros en premios entre as persoas asistentes, incluíndo dende produtos e materiais agrogandeiros a produtos gastronómicos e mesmo estancias nun balneario. 

Na tarde do sábado entregáronse os premios dos concursos de fotografía e de postres lácteos. Neste último avaliábanse receitas que contivesen leite como un dos ingredientes principais. Foron premiados a torta de queixo con mel e decoración de noces de Xiana Fernández Silva, a torta Saint-Honoré recuberta de nata de Carmen Candal e o biscoflán de Uxío Riveiro.

Blanco cos gañadores do certame de postres lácteos.

Blanco cos gañadores do certame de postres lácteos. / Cedida

En canto ao concurso de fotografía, o xurado escolleu as presentadas por Raquel Rial García, Iván Castro Ordoñez e Raúl Formoso Lago. A través de votación en redes sociais, concedeuse un premio especial a Bruno Calvo.

Blanco cos gañadores do certame de fotos.

Blanco cos gañadores do certame de fotos. / Cedida

Os tres premios de ambos os concursos consistían en ceas para seis, para catro e para dúas persoas, intercambiables por vales de compra no comercio local (a razón de 25 € por persoa). O premio especial para a foto máis votada en redes sociais é unha cea para catro persoas, que tamén pode trocarse por vales de compra.

A poxa supuxo o peche a unha semana chea de actividades na que as nenas e nenos de Mazaricos puideron achegarse a distintos exemplos de explotación gandeira ou de produtor agrícola en Galicia, coas visitas a Agrosoneira e a Gandería Os Loureiros (Vimianzo) e á Casa Grande de Xanceda (Mesía). O sábado, o recinto feiral acolleu actividades todo o día, como a exposición agraria e de servizos, a sesión vermú e xogos para toda a familia. 

TEMAS

Tracking Pixel Contents