Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Fina Paulos, de Zas, entre as dez mellores profesoras de España

A docente do instituto Maximino Romero de Lema é finalista dos Premios Educa Abanca na categoría de Secundaria e Bacharelato

Fina Paulos Lareo, profesora do IES Maximino Romero de Lema, de Zas.

Fina Paulos Lareo, profesora do IES Maximino Romero de Lema, de Zas. / Cedida

Zas

Fina Paulos Lareo, profesora do IES Maximino Romero de Lema (Zas) foi seleccionada como finalista nos VIII Premios Educa Abanca (considerados os Goya do eido educativo)na categoría de Secundaria e Bacharelato, sendo recoñecida como unha das dez mellores docentes de España.

Este logro engádese a unha traxectoria de éxitos que xa inclúen o 2º premio Educa Abanca en 2019 na categoría de FP.

Fina Paulos, cunha ampla experiencia no ensino, destacou nos últimos anos pola súa capacidade de innovación e pola introdución de novos enfoques pedagóxicos, especialmente no campo da Intelixencia Artificial, onde coordinou proxectos co seu alumnado que axudaron a fomentar valores e a mellorar a vida das persoas con diversidade.

Ademais de ser unha docente comprometida e inspiradora, publicou recentemente o libro Intelixencia Artificial para a sociedade, unha obra que explora o potencial da IA como ferramenta educativa e o seu impacto na sociedade contemporánea.

Este traballo reflicte a súa visión transformadora e o seu compromiso por dotar o alumnado das competencias necesarias para enfrontar os retos do futuro.

Fina destaca tamén como persoa formadora de compañeiros e compañeiras no ámbito da IA e outras disciplinas, xa que colabora con diversas institucións, como o Centro Autonómico de Formación e Innovación e o Centro de Formación e Recursos, entidades dependentes da Consellería de Educación. Tamén colaborou con moitas entidades sen ánimo de lucro da comarca para difundir a IA entre a poboación.

Nos últimos anos estivo presente en foros educativos de primeiro orde amosando a súa experiencia aos docentes, como o Seminario de Transformación dixital e Intelixencia Artificial na educación, da Organización de Estados Iberoamericanos, coa que colabora publicando artigos educativos e exercendo de relatora en congresos.

Tamén participou no Congreso nacional de Escolas Rurais trasladando a súa experiencia educativa en IA nas aulas.

A todo isto súmanse os logros acadados por ter coordinado proxectos educativos co seu alumnado que fixeron posible levar o nome do IES Maximino Romero de Lema por toda España: Festival Plasencia en Corto; II Certame de enfermidades raras; Festival Foco; Semana de diversidade sexual de Nigrán; primeiro e segundo premio polo fomento á doazón de órganos, convocado polo Sergas; premio OUFF Escolas, do Festival internacional de cine de Ourense; e o recente premio acadado con IA Unha constitución para todos, que outorgou o Ministerio de Educación ó alumnado de 3º da ESO do seu centro, coordinado xunto con Óscar Rey.

Ao coñecer a nova da súa selección como finalista, Fina Paulos expresou a emoción que sente cunha mensaxe nas redes sociais, que resume o que este recoñecemento significa para ela. "Estou inmensamente agradecida (xa o estaba por estar nomeada polo meu alumnado do Maximino Romero de Lema) porque agora demos un paso máis e xa son finalista oficial nos premios Educa Abanca, na categoría de Secundaria e Bacharelato a mellor docente de España. Estou entre os 10 mellores docentes do noso país e, pase o que pase na gala final, son afortunada por ter contado cun gran alumnado e magníficos compañeiros que me axudaron".

Tamén agradece o apoio da súa familia e amigos e aproveita para agradecer todo o apoio recibido polos compañeiros e equipo directivo do IES Maximino Romero de Lema, que a apoiaron dende que obtivo o seu destino definitivo alí.

A docente fai extensible este logro á educación no rural, "onde se fan grandes cousas que moitas veces pasan desapercibidas".

Finalmente, destaca o papel docente na ensinanza "como a clave para que todo o sistema funcione e que se valore máis o traballo que fan os compañeiros e compañeiras, moitas veces en contornas complexas".

Tracking Pixel Contents