Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Adxudicada a urbanización do terreo no que se ampliará o centro sanitario de Carballo

Uniranse a rúa Médico Mariño e a avenida do Ambulatorio, e a instalación converterase nun complexo integral de saúde

Plano de localización do novo vial xunto ao terreo no que se vai ampliar o centro de saúde.

Plano de localización do novo vial xunto ao terreo no que se vai ampliar o centro de saúde. / Cedida

Carballo

O Concello de Carballo adxudicou á empresa Gestal y López S.L. en 243.750 euros as obras de urbanización da parcela escollida pola Consellería de Sanidade para a ampliación do actual centro de saúde e a súa conversión nun Centro Integral de Saúde.

O proxecto consistirá na urbanización da contorna do actual dispensario mediante a conexión da rúa Médico Mariño coa avenida do Ambulatorio. Esta nova vía, que será de plataforma única para fomentar a mobilidade accesible, disporá de todos os servizos urbanísticos: redes de abastecemento, saneamento, pluviais, eléctricas de media e baixa tensión e telecomunicacións.

O carril de circulación será de formigón e nas beirarrúas empregarase pavimento de baldosa de terrazo en dúas cores. A obra completarase coa sinalización horizontal e vertical, a instalación de mobiliario urbano (papeleiras, bancos e aparcabicis) e a xardinería. En concreto está previsto plantar quince árbores.

As obras do CIS implican a transmisión en pleno dominio á Consellería dos terreos que albergarán o edificio, así como das vías que a circundan e a súa urbanización por parte do Concello.

Os terreos polos que descorrerán as futuras vías pertencen ao Concello en virtude dun convenio urbanístico de xestión asinado co seu anterior propietario, que foi aprobado e ratificado en 2023.

Tracking Pixel Contents