Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A praza Díaz Pardo de Sigüeiro será lugar de encontro veciñal

Restrinxirase o tráfico e non se poderá aparcar

A conselleira Martínez Allegue e o alcalde de Oroso Álex Doval estreitanse a man tras asinar o convenio da humanización da praza Díaz Pardo de Sigüeiro

A conselleira Martínez Allegue e o alcalde de Oroso Álex Doval estreitanse a man tras asinar o convenio da humanización da praza Díaz Pardo de Sigüeiro / CEDIDA

Susana López Carbia

Susana López Carbia

Oroso

A praza Isaac Díaz Pardo de Sigüeiro, en Oroso, converterase no prazo de aproximadamente un ano nun espazo de encontro, interacción social e celebración de eventos. Será despois da intervención que está previsto levar a cabo a partir do mes de maio, unha vez se liciten as obras de humanización que se executarán nesta praza, onde se concentran as principais instalacións municipais: a Casa do Concello, o Xulgado de Paz, a biblioteca ou o centro social, e que se sitúa tamén na contorna do Camiño Inglés.

Na humanización investiranse en total 705.393 euros, dos que a Xunta aportará o 70%, é dicir, 493.77 euros, mentres que o Concello porá o 30% restante, en concreto, 211.618 euros.

A previsión é que se poidan licitar as obras ao longo de xaneiro, coa intención de que comecen no mes de maio e estean rematadas no prazo de seis meses.

Martínez Allegue e Álex Doval baixo o primeiro paraugas amarelo pola esquerda. No segundo, a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas

Martínez Allegue e Álex Doval baixo o primeiro paraugas amarelo pola esquerda. No segundo, a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas / CEDIDA

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou este sábado co alcalde Álex Doval o convenio para a execución deste proxecto, que se enmarca no Plan Hurbe, co que o Goberno galego colabora coas administracións locais para financiar intervencións de mellora nas contornas urbanas e a súa accesibilidade.

A actuación «porá en valor e transformará en praza de preferencia peonil este espazo», segundo subliñou a conselleira Martínez Allegue.

Non se poderá estacionar

As obras na praza Isaac Díaz Pardo prevén restrinxir o tráfico rodado, de maneira que se priorizará a conexión polas rúas Xuncal e Camiño Inglés. Tras a humanización non se poderá aparcar neste espazo, xa que se eliminará o estacionamento de vehículos, se ben manterase o acceso aos vehículos que reparten mercadorías.

Ademais, garantirase a accesibilidade á Casa do Concello, xa que se modificarán as escaleiras de acceso e instalarase unha rampla accesible. Segundo explican dende a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a actuación permitirá poñer en valor os equipamentos municipais existentes na actualidade e unificar a praza «como un lugar de estancia, con espazos verdes e mobiliario».

Presentación do proxecto de humanización da praza Isaac Díaz Pardo de Sigüeiro (Oroso)

Presentación do proxecto de humanización da praza Isaac Díaz Pardo de Sigüeiro (Oroso) / CEDIDA

Puntos de encontro para a veciñanza

Tras a sinatura do convenio, a conselleira felicitou ao Concello de Oroso polo proxecto, e destacou que actuacións de humanización e mellora do espazo público como a prevista na praza Díaz Pardo «xogan un papel fundamental para poñer en valor as nosas vilas», ao converter os espazos mellorados en novos puntos de encontro dos veciños, co que se «reforza o atractivo destes lugares e se dinamizan os concellos social e economicamente».

A través do Plan Hurbe, a Administración autonómica «facilita proxectos que subliñan a singularidade dos concellos e contribúen ao reequilibrio territorial», segundo sinalou Martínez Allegue. Entre 2010 e 2024 desenvolvéronse 423 actuacións en concellos galegos a través dese programa. En 2025 o orzamento ascenderá a 9 millóns de euros.

Tracking Pixel Contents