Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O BNG denuncia que Brión estará sen pediatras ata o mes de xaneiro

Os menores de catro anos veranse obrigados a acudir ás urxencias do CHUS

Centro de saúde de Brión

Centro de saúde de Brión / ECG

Javier Ramos

Javier Ramos

O grupo municipal do BNG no Concello de Brión emitiu este mércores un comunicado no que denuncia que o centro de saúde municipal non terá servizo de pediatría durante varios días, polo menos ata que remate a primeira semana de xaneiro de 2025.

Neste texto, a agrupación nacionalista sostén que se están a cancelar citas xa fixadas, que son reprogramadas a partir do día 8 de xaneiro, e que isto se debe «á política de recortes» dunha Xunta que, «de xeito sistemático, se nega a cubrir as vacantes que se producen nos centros» polas vacacións ou incapacidades temporais do persoal; aínda que isto «supoña lesionar o dereito das veciñas e veciños a unha atención sanitaria pública e de calidade».

Do mesmo xeito, apuntan que as persoas que precisen estas consultas terán que desprazarse ata Santiago de Compostela, posto que nos consultorios próximos de Bertamiráns e Negreira tampouco hai pediatrías a día de hoxe por diferentes continxencias.

Os maiores de catro anos poderán ser atendidos no centro de Brión por médicos de familia, mais os que non alcancen esta idade deberán ir ata as urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para recibir atención.

Tracking Pixel Contents