Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ames leva a pleno o contrato do servizo de axuda no fogar

Será un dos puntos dunha sesión ordinaria que abordará varios asuntos sociais e a modificación de certas liñas de subvencións

Salón de plenos do Concello de Ames

Salón de plenos do Concello de Ames / Cedida

O pleno ordinario do Concello de Ames deste mes de decembro abordará na súa sesión deste xoves a aprobación do expediente de licitación do servizo de axuda no fogar. De saír adiante coa maioría dos votos da cámara municipal, procederase a unha contratación mediante procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, suxeita a regulación harmonizada, tramitación urxente e tramitación de gasto anticipada, para varias modalidades deste servizo.

Este é un dos puntos destacados dunha sesión plenaria na que tamén se abordarán outros asuntos de índole social, coma a participación do Concello no plan adicional da Deputación da Coruña para gastos sociais extraordinarios do exercicio de 2025.

Así mesmo, ademais de convalidar outros decretos resultantes da acción do Goberno municipal, tratarase unha nova modificación do plan estratéxico de subvencións 2023-2025 para dar cobertura á recente convocatoria dos Bonos Consuma.

Outra das actuacións que se someterán ao debate plenario será o inicio do expediente para a prestación dun servizo público de aparcadoiro tarifado na localidade do Milladoiro, onde se prevé dispor de 135 prazas nunha parcela arrendada da rúa Palmeiras.

Por último substanciarase un recoñecemento extraxudicial de crédito correspondente ao presente exercicio e aprobarase, se procede, de xeito inicial o regulamento de funcionamento do espazo de traballo colaborativo Coworking a Proa, que establece, entre outros puntos, os criterios de admisión no mesmo.

Tracking Pixel Contents