Ames acorda co arcebispado a cesión e usos de varios inmobles
Crearase un centro de atención a persoas maiores en situación de vulnerabilidade na casa reitoral de San Tomé, no lugar de Cruxeiras

O alcalde de Ames, Blas García, e o arcebispo Francisco José Prieto, asinando o convenio / Concello de Ames
O Concello de Ames e o Arcebispado de Santiago de Compostela asinaron un procotolo xeral de actuacións polo cal ambas as dúas institucións chegan a un acordo para regularizaren as situacións físicas e xurídicas de varios inmobles. O obxectivo destes convenios é acadar un aproveitamento óptimo dos espazos aos que atinxen para lograr que se cumplan neles os obxectivos de promoción cultural, social, deportiva e relixiosa que incumben a ambas as partes.
Deste xeito, crearase unha comisión de seguimento do acordado na que participarán dous vogais en representación de cada institución para velar pola adecuada execución das actuacións previstas e resolver as dúbidas que poidan xurdir no tocante á súa interpretación e execución.
A máis importante e inmediata de todas é a cesión de uso da casa reitoral de San Tomé de Ames, no lugar de Cruxeiras; onde o Concello pretende crear un centro de atención a persoas maiores en situación de vulnerabilidade e emerxencia social. Baixo esa premisa, o arcebispado cederá, nun contrato que deberá asinarse antes do 30 de xuño de 2025, o inmoble por un prazo de 29 anos, xunto coas edificacións anexas e o premio no que se erguen.
A cambio, a Administración municipal deberá abrir este centro para maiores, habilitar un despacho para o párroco de Ames nas dependencias anexas á casa reitoral e garantir un uso compartido coa institución eclesiástica dunha sala na planta baixa da casa reitoral.
Antes da data mencionada tamén deberá desenvolverse un contrato de compravenda a favor do arcebispado dun terreo municipal de 327 metros cadrados ocupado na actualidade polas instalacións do cemiterio de Biduído. O importe desta transacción superará os 10.500 euros. Pola súa parte, aIgrexa ten un prazo de dous anos para dispor en favor do Concello unha superficie duns 2.000 metros cadrados dun predio situado en Covas, arrendado dende 1985 para equipamento deportivo.
Así mesmo, tamén se chegou a un acordo con respecto da antiga casa reitoral de Santa María de Trasmonte; na que se prevé a instalación de servizos municipais cun protocolo a desenvolver antes do remate de 2026. O arcebispado cederá este inmoble de 1.715 metros cadrados de superficie, máis os terreos anexos, a cambio de que a corporación arranxe os problemas existentes co subministro de auga no cemiterio e na igrexa desta parroquia.
Por último, Ames e arcebispado acordaron a transmisión á Igrexa dunha finca municipal na avenida José Luís de Azcárraga, de 740 metros cadrados, na que se construíu a capela da Peregrina e que se emprega para equipamento relixioso.
O alcalde Blas García destacou que a estes acordos poñen fin a «anos de diálogo e traballo» entre a Administración municipal e o arcebispado e repercutirán «moi positivamente na vida da veciñanza de Ames, que gañará espazos para o seu uso e desfrute». Do mesmo xeito, apuntou que «se dá un primeiro paso para salvar infraestruturas de grande valor arquitectónico e patrimonial», á vez que se inicia o proceso para crear un «moi necesario centro de atención ás persoas maiores”» De igual maneira, agradeceu a colaboración dos diferentes párrocos locais para poder chegar a acadar estes acordos.
- Treinta camiones al día, 63.500 t de residuos y 50.947 m3 de aguas industriales: los peros a la planta de biogás de A Laracha, en cifras
- Crónica social compostelana | Alicia Molanes y Jorge Mirás ya son padres primerizos
- Emotiva despedida en el Peleteiro: más de 150 alumnos ponen fin a su etapa en Bachillerato
- Hablan los okupas de Bertamiráns: 'Solo pedimos una oportunidad
- Un hombre recibe una paliza de tres individuos a plena luz del día en el barrio de la Almáciga
- Los 6 clubs de lectura que llenan las librerías de Santiago: del casco histórico a O Castiñeiriño
- Así es la terraza más desconocida de Santiago: un oasis secreto para desayunar entre árboles centenarios
- La fiebre por las tartas de queso aterriza en Galicia con un gran festival cerca de Santiago

