Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Apoio plenario a un novo aparcadoiro municipal no centro urbano do Milladoiro

PSOE e PP votaron a favor desta actuación, mentres que o BNG se abstivo e Espazo Común votou en contra

Votación a man alzada no pleno ordinario do Concello de Ames do mes de decembro

Votación a man alzada no pleno ordinario do Concello de Ames do mes de decembro / Concello de Ames

O pleno do Concello de Ames aprobou iniciar o expediente para a prestación dun servizo de aparcadoiro baixo tarifas na localidade do Milladoiro. A proposta saíu adiante cos votos favorables do grupo de goberno, do PSdeG; e do PP; mentres que o BNG abstívose e Espazo Común votou en contra.

O concelleiro de Mobilidade, Víctor Fernández, defendeu que esta medida procura dar resposta ás necesidades de aparcamento na zona e, con este motivo, pretende habilitarse unha parcela baleira na rúa Palmeiras, con capacidade para 135 prazas. O propietario da mesma amosou interese en cedela ao Concello para a súa explotación en réxime de arrendamento.

Despois deste trámite plenario, cómpre a creación dunha comisión de estudo con persoal técnico e membros da corporación para analizar e detallar cal será a modalidade na que se preste o servizo, así como as diferentes condicións do mesmo.

Espazo Común opúxose porque, de momento, só se proxectan opcións con custo para os usuarios, mentres que o BNG advertiu de que non apoiará a privatización deste servizo. Pola súa parte, o PP apoiou a medida ante o “gran problema” de aparcamento existente no Milladoiro.

Tracking Pixel Contents