Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Nadal Lúdico de Ames supera a centena de participantes nesta edición

Este servizo municipal de conciliación permanece activo dende o pasado 23 de decembro e estenderase ata o vindeiro 7 de xaneiro

Actividade dunha das sesións desta edición do Nadal Lúdico de Ames

Actividade dunha das sesións desta edición do Nadal Lúdico de Ames / Concello de Ames

Un total de 107 rapaces e rapazas de Ames participaron nesta edición do programa de conciliación Nadal Lúdico, o cal permanecerá activo ata o vindeiro día 7 de xaneiro para facilitar a compatibilidade das vidas laborais e familiares.

Este servizo deu comezo o pasado día 23 de decembro coincidindo co comezo das vacacións escolares e mantívose activo nas xornadas laborais do 26 e o 27 do presente mes. Así pois, seguirá funcionando os días 30 e 31 de decembro e o 2, 3 e 7 de xaneiro para favorecer a conciliación.

Os cativos e cativas participantes, escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou xa en Primaria, repártense da seguinte maneira: 50 no CEP de Ventín, 35 no CEIP da Maía e os 22 restantes na EEI do Milladoiro.

Con horarios de entrada e saída flexibles, que van dende as 7.30 ata as 9.00 horas para acceder e dende as 14.30 ata as 16.00 para marchar, os usuarios deste programa poden facer uso tamén dun servizo de comedor.

Un dos obxectivos do Nadal Lúdico deste ano é aproveitar para traballar cos asistentes contidos relacionados coa saúde mental, así como potenciar os xogos e os obradoiros centrados na creatividade e a capacidade de pensamento.

Unha das liñas deste programa de conciliación xira en torno a Momo, a novela de Michael Ende de 1972, e as súas aprendizaxes sobre a filosofía de vida lenta e escoita activa.

Dende o Concello, a responsable de Educación, Carmen Porto, valorou que exista esta «alternativa fóra das aulas» para favorecer a conciliación e a diversión e socialización entre a rapazada de diferentes centros.

Tracking Pixel Contents