Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Teo enxalza o deporte local con premios a veciños ilustres

O futbolista David Mella, o exciclista Ezequiel Mosquera e a karateka Ruth Lorenzo, entre os homenaxeados na primeira gala municipal

O conselleiro López Campos, no centro, coa alcaldesa Lucía Calvo e os premiados

O conselleiro López Campos, no centro, coa alcaldesa Lucía Calvo e os premiados / CEDIDA

Teo

O auditorio municipal Constante Liste albergou onte a primeira edición da Gala do Deporte do Concello de Teo, coa que a Administración municipal quixo distinguir a excelencia e os méritos deportivos dalgúns dos seus veciños e veciñas máis ilustres neste eido. O acto contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

Entre a nómina de premiados estiveron figuras coma a do futbolista do Real Club Deportivo de La Coruña, David Mella; a da karateka Ruth Lorenzo; a do exciclista e agora promotor de probas deportivas Ezequiel Mosquera; a do socio fundador do Club Ciclista Luou-Teo, Manuel Tallón; ou, xa a título póstumo, a do expresidente da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo, Florencio Buján.

Celeste Figueroa, do Club de Patinaxe Artística Teo, agradece o premio ante o conselleiro de Cultura, José López Campos

Celeste Figueroa, do Club de Patinaxe Artística Teo, agradece o premio ante o conselleiro de Cultura, José López Campos / CEDIDA

Na gala non só se repartiron distincións de carácter individual, senón que o Club San Francisco Teo e o Club de Patinaxe Artística Teo recibiron tamén un premio pola súa traxectoria e contribución ao fomento dos valores deportivos no municipio.

«A primeira de moitas galas»

Arredor de duascentas persoas acudiron a esta gala, na que a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, quixo destacar os «valores esenciais, coma o respecto, a responsabilidade, o compromiso e a dedicación» que van ligados á práctica deportiva. Así mesmo, sinalou que o deporte é unha paixón «moi presente» no municipio teense, que conta con máis de 2.000 federados.

Do mesmo xeito, avanzou que a de onte foi a primeira de moitas galas, porque «en Teo hai moito talento do que presumir» e apostarán polo deporte e as formas de vida saudable, así como polas relacións sociais que neste medio se establecen entre diferentes persoas e culturas.

Tracking Pixel Contents