Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carballo rexistra a cifra máis alta de solicitudes de licenzas de vivendas dos últimos 16 anos

A construción de vivendas unifamiliares, pola súa banda, está na media dos últimos dez anos, con 21 expedientes ao longo de 2024

Imaxe de arquivo dunha céntrica rúa de Carballo.

Imaxe de arquivo dunha céntrica rúa de Carballo. / Cedida

Carballo

O Concello de Carballo tramitou o ano pasado licenzas para a construción de 97 vivendas novas, unha cifra récord desde 2008. E tamén, por primeira vez nestes 16 anos, o groso desas vivendas vaise situar en edificios urbanos: 76 en total.

No segundo e no terceiro trimestres do ano xa se presentaran solicitudes para a construción de vivendas en edificios, pero en ambos os casos tratábase de promocións pequenas, de catro vivendas. As outras 68 vivendas correspóndense con tres expedientes presentados no rexistro municipal no último trimestre do ano. En concreto, unha promoción de 8 pisos na rúa Tarragona, outra de 14 na esquina da vía de Luis Calvo coa de Nébedas e a terceira, de 46 vivendas, na rúa Perú.

A construción de vivendas unifamiliares, pola súa banda, está na media dos últimos dez anos, con 21 expedientes ao longo de 2024. Neste caso tamén se incrementaron as solicitudes no último trimestre.

Por outra banda, o Concello leva tramitadas nos últimos 20 anos licenzas para a construción de 223 naves no parque empresarial de Bértoa. Os períodos de maior demanda foron os comprendidos entre 2004 e 2007, antes da crise inmobiliaria, e de 2017 a 2021, co lóxico descenso que se produxo en 2020 a causa da crise sanitaria que provocou o coronavirus.

Tracking Pixel Contents