INFRAESTRUTURAS
O BNG pide que se rescate este ano a autovía Carballo-Coruña
Asegura que é preciso rematar coa "discriminación" respecto a outras comarcas

Pola esquerda, Xosé Manuel Pose, Daniel Pérez, Óscar Ínsua e Xurxo Rodríguez presentando a iniciativa / BNG
O BNG da Costa da Morte, a través dos deputados Daniel Pérez e Óscar Insua, reclamará no Parlamento que a Xunta inicie os trámites para o rescate da autovía AG-55 (A Coruña-Carballo), de maneira que se poida facer efectivo este ano «e así rematar coa discriminación destas zonas con respecto a outras comarcas do país nas que os usuarios non pagan peaxe nas autovías autonómicas».
Os deputados nacionalistas lembran que en outubro de 2024 o Consello da Xunta acordou recuperar a concesión de catro autoestradas: a do Salnés, a do Barbanza, Ourense-Celanova e a de Santiago-Brión. Todas elas con peaxe na sombra.
A decisión, afirman, constitúe «un agravio comparativo coas nosas bisbarras, porque excluír a AG-55 do rescate supón manter unha peaxe inxusta e inxustificada». Din que ademais «lastra gravemente o desenvolvemento económico e social das comarcas de Bergantiños e a Costa da Morte».
Os representantes nacionalistas subliñan que a gratuidade da autovía AG-55 «é unha demanda histórica do BNG, e constitúe o único caso dunha infraestrutura que naceu gratuíta para logo converterse de peaxe». Este mes impulsarán tamén unha ofensiva parlamentaria para pedir a licitación das obras de prolongación para rematar a autovía ata Cee.

