Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Iria Flavia será sede dun coloquio internacional sobre a figura de Cela

Tamén acollerá un foro sobre o panorama literario e unha Residencia de Escritores

O conselleiro José López Campos e Elvira Casal, secretaria xeral técnica, na ofrenda floral ante a tumba de Cela.

O conselleiro José López Campos e Elvira Casal, secretaria xeral técnica, na ofrenda floral ante a tumba de Cela. / Cedida

Padrón

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou este venres o «relevante labor» da Fundación Pública Camilo José Cela na dinamización cultural de Galicia. Fíxoo na xuntanza ordinaria do Padroado desta institución, en Iria Flavia (Padrón) tras participar na ofrenda floral co gallo do 23 cabodano do escritor padronés.

“Para a Xunta é unha fundación clave do sector público galego, que leva o nome e conserva o cuantioso legado do Premio Nobel galego, o que supón unha honra para Galicia e para a cultura deste país”, aseverou López Campos. Nesta liña, salientou “a importante tarefa de preservación, investigación e proxección” da obra e da figura do escritor de Padrón que ten desenvolvido esta institución ao longo dos seus máis de 30 anos de existencia.

Así mesmo, destacou o valor das súas exposicións e actividades para difundir as creacións e achegas literarias e culturais de Cela. Precisamente, indicou que «espertaron o interese de case 5.000 visitantes o pasado ano e a participación de preto de 1.800 escolares de toda Galicia».

Neste senso, o responsable de Cultura do Goberno galego avanzou unha «intensificación» da programación e das actividades para este ano, coincidindo co 30 aniversario da concesión do Premio Cervantes ao escritor padronés.

Esta data, segundo explicou, será o «fío condutor» das principais liñas de actuación deste 2025. En concreto, adiantou que con esta celebración se procurará «recuperar a súa parte máis literaria e conxugala coa súa vertente máis innovadora».

Tamén está previsto organizar este ano o primeiro coloquio internacional sobre a figura de Cela con obxecto de que teña unha periodicidade anual. Esta acción complementarase coa primeira Residencia de Escritores, con sede na fundación en Iria Flavia, e cun encontro literario, «coa intención de que se converta no principal foro de debate en Galicia sobre o estado actual do panorama literario».

Tras a xuntanza do Padroado, o conselleiro visitou a primeira exposición deste ano da Fundación Camilo José Cela para conmemorar o 26 aniversario da publicación de Madera de boj, a derradeira novela de Cela.

A mostra ofrece a xénese da súa creación e a relación do escritor coa Costa da Morte, comarca na que residiu para documentarse. Esta obra comezouna a perfilar a principios dos anos 80 co obxecto de completar a triloxía galega que iniciara con La Rosa e Mazurca para dos muertos.

A exposición, que estará aberta na sede da Fundación en Iria Flavia ata marzo, reúne un conxunto de 75 pezas, no que destaca numeroso material de traballo utilizado polo escritor e o feito de que gran parte del exhíbese nesta mostra por primeira vez. 

Finalmente, co gallo de que este ano se están a rematar os actos do 25 aniversario do cabodano de Gonzalo Torrente Ballester, o titular de Cultura avanzou que se realizará unha xornada-coloquio sobre xornalismo e literatura xunto coas fundacións do escritor ferrolán e a de Carlos Casares, “que poderá ser replicada en outras sedes, como a Biblioteca Nacional de España”, indicou.

Tracking Pixel Contents