Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Novo récord absoluto de vendas na feira de gando de Silleda

Superouse a cifra acadada na sesión do pasado día 17 de decembro

Becerros carniceiros na Central Agropecuaria

Becerros carniceiros na Central Agropecuaria / Cedida

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca, con sede en Silleda, bateu onte o seu récord absoluto en volume de transaccións nunha única sesión ao conseguir rexistrar unha cifra de negocio de 1.439.812 euros, a cal supera en preto de 100.000 euros a acadada o pasado día 17 de decembro.

Do mesmo xeito, esta feira chegou á súa terceira maior cifra de asistencia, cun total de 1.707 animais, preto dos 1.895 que marca o récord acadado o pasado 17 de decembro e escasamente por detrás dos 1.730 conseguidos na sesión número 26 do ano 2006.

Estes resultados son o reflexo doutras marcas históricas e boas cifras en varias categorías, xa que o gando vacún maior tamén superou o seu máximo de transaccións nunha xornada ao chegar aos 735.916 euros cando a anterior cifra (rexistrada o día 10 de setembro) era de 668.361 euros. Os datos de asistencia de animais, de volume de reses de recría e de facturación das mesmas amosan tamén niveis moi positivos.

Xa por último, no relativo aos becerros carniceiros, conseguiu marcar o maior prezo medio da serie histórica con 1.393,6 euros por animal; un dato que, ata onte, estaba nos 1.346,01 euros do pasado 29 de outubro.

Tracking Pixel Contents