Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O persoal da Escola Infantil Merlín de Bertamiráns denuncia novos impagos de nóminas

Protestan polas condicións laborais nas que exercen e sinalas que se lles adebedan as mensualidades de novembro e decembro

Concentración dos traballadores da Escola Infantil Merlín

Concentración dos traballadores da Escola Infantil Merlín / Cedida

Traballadores da Escola Infantil Merlín, ubicada en Bertamiráns, volven salir en protesta polas condicións nas que exercen o seu labor e denuncian que a empresa responsable deste centro lles adebeda na actualidade as nóminas dos meses de novembro e decembro.

Nun comunicado remitido polo sindicato CIG-Ensino, o persoal desta escola critica os “continuos impagamentos e incumprimentos de convenio” nos que incorre o empresario que xestiona o centro, a quen acusan de non facer un bo uso das subvencións que recibe da Xunta de Galicia pola actividade do mesmo.

Para o curso 2024-25, expoñen, a Escola Infantil Merlín recibiu 190.000 euros por parte da Consellería de Política Social que, porén, non repercuten nunha mellora das condicións laborais duns traballadores que “dende hai máis de ano e medio” sofren unha “grave situación de desgaste físico e mental” a causa da “pésima xestión” do propietario. Por este motivo, demandan unha “solución inmediata” e o pagamento destes “atrasos inxustificados”.

Preto de corenta familias de nenos e nenas de entre cero e tres anos son usuarias deste centro educativo, que, agregan dende o sindicato, “é viable” economicamente, xa que acadou un beneficio no último trimestre de cinco mil euros; o cal denota que os impagos se deben a un “claro e grave problema de xestión”.

Ante este escenario, os traballadores da escola manterán a súa folla de ruta de mobilizacións e prevén novas concentracións a futuro, así coma solicitudes de reunión coa Consellería de Política Social e novos escritos de denuncia ante a Inspección de Traballo. Precisamente, esta entidade xa ten expedientado e sancionado á empresa responsable polos seus incumprimentos en materia laboral.

“Están en xogo tanto varios postos de traballo coma un servizo esencial para as familias”, manifestan dende a CIG-Ensino, que tamén lamenta a “falta de diálogo” por parte do propietario e a súa constante negativa a traspasar a escola a outra titularidade que poida garantir mellores condicións laborais.

“Solicitamos dende hai meses ser informadas periodicamente das supostas negociacións que o empresario di ter con varias persoas interesadas no traspaso da escola”, engaden, para concluír que o persoal ve esta como a mellor opción para solventar os conflitos laborais existentes.

Tracking Pixel Contents