Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FITUR

Costa da Morte, un destino naturalmente salvaxe todo o ano

Empresarios, concellos, Deputación e Xunta loaron a unidade do xeodestino

Alcaldes, alcaldesas e edís da Costa da Morte con representantes da Deputación e da Xunta en Fitur

Alcaldes, alcaldesas e edís da Costa da Morte con representantes da Deputación e da Xunta en Fitur / CMAT

Vimianzo

A Costa da Morte exhibe o seu gran potencial turístico en Fitur, onde presentou diferentes propostas por parte dos municipios do xeodestino. Costa da Morte Asociación de Turismo (CMAT), da man da Deputación da Coruña e de Turismo de Galicia, deu a coñecer o vídeo promocional Costa da Morte, Naturalmente Salvaxe e a Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) presentou Temporada de Mar.

A presentación da CMAT xirou en torno a dous eixos: a importancia da colaboración pública e privada e o traballo conxunto dos 17 concellos e dos empresarios a través de APTCM, e o valor turístico que a Costa da Morte ten nas diferentes épocas do ano.

O presidente da CMAT, Manuel Muíño, destacou a Costa da Morte como un destino turístico sostible, co valor engadido do astroturismo: «O stand da Costa da Morte é o mellor lugar para atopar unha expresión xigante de cores, sons e patrimonio material e inmaterial. Para descubrir unha inmensa conxunción de sabores, olores, mar, terra e ceo estrelado; unha máxica espiritualidade que envolve a todo o mundo que visita este xeodestino naturalmente salvaxe. Todo isto e máis é o que ofrece a Costa da Morte os 365 días do ano, durante as catro estacións, incluído o inverno».

Folletos e mapas promocionais da Costa da Morte en Fitur

Folletos e mapas promocionais da Costa da Morte en Fitur / CMAT

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, apuntou a gran relevancia da Costa da Morte para o turismo de Galicia: «Ver 17 concellos que se unen para formar un destino turístico tan potente é moi satisfactorio. É moi relevante e sitúase como un dos máis activos de toda a comunidade autónoma, sempre ofrecendo o mellor baixo as premisas de calidade e sustentabilidade».

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, destacou sobre todos os atractivos e o valor do seu patrimonio intanxible: «A Costa da Morte é moito máis que paisaxes, gastronomía e as súas xentes. O fantástico é que ten todo iso e ademais un patrimonio intanxible que é de máximo nivel e o seu atractivo é enorme en calquera estación».

Tamén fixo referencia ao valor da desestacionalización Pepe Formoso, presidente de APTCM, quen fixo un alegato en favor da colaboración público-privada: «Somos admirados como destino grazas ao traballo conxunto dos empresarios e dos 17 concellos, onde contamos con temporada e productos de calidade todo o ano. Xa temos 365 días para desfrutar deste magnífico territorio».

Tracking Pixel Contents