Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O viño da Ulla cambia de mans e de paisaxes

Séculos de historia contemplan a tradición vitivinícola nas ribeiras do Ulla. Un tempo no que as técnicas de cultivo e o propio territorio teñen mudado en grande medida; mais todo este val fluvial experimenta agora unha nova transformación da man do pulo dun sector que reclama espazos para novas explotacións e que xera, a un mesmo tempo, novas oportunidades e certas discrepancias

Viñedos vistos dende Donas (Boqueixón) co monte Gundián e as pontes ferroviarias de fondo

Viñedos vistos dende Donas (Boqueixón) co monte Gundián e as pontes ferroviarias de fondo / Cedida

Javier Ramos

Javier Ramos

O val do Ulla é terra de viños. Séculos de historia avalan a tradición deste cultivo, tan arraigado no territorio que son moitas as casas que, aínda hoxe, locen parras nas súas eiras. Co paso do tempo e os cambios sociais foron a menos as producións de autoconsumo, mais aínda abundan os xantares en familia regados por xerras de viño «do país», fabricado cada ano e almacenado nuns pipotes que foron cambiando a madeira autóctona pola frialdade do aceiro inoxidable.

A profesionalización da viticultura pódese ver tanto no cambio experimentado polas plantacións, máis grandes, de variedades concretas, e que incorporan unha ampla gama de avances técnicos; coma no pulo cada vez maior destes cultivos e da súa comercialización na economía local. O que antes era territorio dunhas pequenas adegas familiares, de produción reducida, está a mudar paulatinamente nunha zona de cultivo en intensivo, con presenza de grandes grupos vitivinícolas.

Pontes ferroviarias sobre o río Ulla vistas dende unha plantación de viñedos

Pontes ferroviarias sobre o río Ulla vistas dende unha plantación de viñedos / Cedida

É indisociable este feito da incorporación do tramo medio do río Ulla, que baña concellos coma Boqueixón, Vedra, Vila de Cruces, Touro ou A Estrada, como subzona da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas. Esta é unha das etiquetas máis distinguidas da enoloxía a nivel peninsular e catapulta as posibilidades de comercialización, tamén no plano internacional, dos viños que a portan.

Produción industrial

E, conforme aumentan as posibilidades de negocio, aumenta tamén o interese por unha produción vitivinícola máis sistematizada e industrial. As plantacións familiares ou de pequenos propietarios foron cedendo terreo ás grandes superficies cubertas por cepas propiedade de empresas con ducias de empregados.

Este cambio nos xeitos de producir é precisamente un dos que máis suspicacias esperta entre asociacións coma Si A Un Rural Vivo, que engloba a varios grupos de veciños dos concellos do val do Ulla que piden poñer coto a esta forte expansión dos cultivos de viñedos en intensivo na zona.

Natalí González Cacho, veciña da parroquia da Ponte Ledesma, en Boqueixón, explica que o que antes eran «pequenas adegas» que facían un traballo «moi meticuloso» e de impacto mínimo no medio ambiente e nas augas fluviais estanse a converter agora en «grandes empresas» con prácticas moito máis invasivas, na procura de maiores producións e beneficios.

Moitas delas, relata, aprovéitanse do progresivo abandono do rural, no que foron a menos as explotacións agrogandeiras e existen multitude de fincas sen traballar ou con propietario descoñecido despois de herdanzas nunca resoltas. Para os titulares, o feito de que un empresario vitivinícola amose interese en adquirir ou arrendar estes terreos é unha oportunidade de darlle un aproveitamento que non poderían ter doutro xeito.

Parcelas de monte labradas para a plantación de novos viñedos

Parcelas de monte labradas para a plantación de novos viñedos / Cedida

Así, o que a simple vista parecen grandes extensións de cultivo nunha única parcela son, en realidade, retallos de varias fincas diferentes explotadas co mesmo propósito: a produción de viño. Porén, os problemas que atopan os veciños que se opoñen a esta expansión vitivinícola están noutros aspectos, como a perda de biodiversidade ou o constante emprego de produtos fitosanitarios que require o cultivo de vides.

Cambios na biodiversidade

Dende Si A Un Rural Vivo poñen exemplos coma a tala de superficies de bosque de sobreiras e carballos para dar cabida a novas plantacións en varios lugares do val do Ulla e piden que se fomenten dende as administración públicas «outro tipo de cultivos non tan dañinos», ben sexan frondosas autóctonas ou outras especies produtivas coma as oliveiras ou os froitos secos, que non precisan de tantos sulfatos.

Precisamente, unha maior supervisión na aplicación destes produtos fitosanitarios é outra das súas demandas, xa que esixen maior seguimento á hora de revisar que se cumpren normativas como a prohibición de sulfatar cando hai máis de dez quilómetros por hora de vento ou a determinadas distancias dos cauces fluviais. A calidade de auga, advirten, é importante; máis tamén a presenza de partículas suspendidas no aire nun val no que permanecen concentradas durante máis tempo.

«Apenas hai lexislación», lamenta González Cacho, que cre que, dentro das súas competencias, as diferentes institucións deberían prestar máis atención a estes asuntos e coidar de que existen unhas «mínimas garantías» de respecto ao medio ambiente e á biodiversidade.

Oportunidades nos concellos

Pola súa parte, a maioría de concellos do val do Ulla reciben como unha boa nova a consolidación e o medre do sector vitivinícola na contorna, xa que é tanto unha fonte de emprego coma unha forma de manter atendidos os espazos rurais que foron perdendo poboación nos últimos anos.

A poboación de municipios coma Boqueixón ou Vedra mantívose sen grandes cambios, aínda que con tendencia á baixa e máis envellecida, nos últimos tempos; pero outros lugares, coma Touro, enfrontan un importante devalo, xa que perderon preto dun tercio dos seus habitantes en apenas trinta anos. A falta de oportunidades económicas instiga este fenómeno, que —entenden os responsables públicos— o sector do viño axuda a paliar.

Novos cultivos vitivinícolas á beira do río Ulla

Novos cultivos vitivinícolas á beira do río Ulla / Cedida

Así, o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, avoga por «un crecemento ordenado e sostible», como cre que foi o de até agora, que respecte o medioambiente; e remarca que a lexislación sobre os produtos que se poden empregar nestes cultivos «é moi estrita». De igual maneira, coida que chega con «botar un ollo a outras partes do territorio nacional» para ver que as extensións en concellos coma o seu son aínda de pequeno tamaño e descarta que se poida falar «de monocultivos ou producións industriais».

«Dende o Concello estamos sempre vixiantes e facendo cumprir a legalidade ante calquera incidencia que se poida producir», defende Rodeiro, que anima a denunciar «ante os órganos competentes» calquera mala praxis.

Por outra parte, o seu homólogo vedrense, Carlos Martínez Carrillo, expón que, aínda que si se deu esa expansión de grandes cultivos, xa se paralizaron «fai moitos meses» as compravendas de terreos para viñedos, polo que a dá por controlada. Ademais, engade que en Vedra a zona deforestada foi principalmente de «eucaliptais e piñeirais», polo que non se perdeu bosque autóctono. Finalmente, sobre a cuestión dos fitosanitarios, traslada que existe «certa preocupación», polo que velarán por un «cumprimento estrito de toda a legalidade» e adianta que traballan coas partes nuns «códigos de boas prácticas que axuden e contribúan a evitar calquera efecto nocivo» destes produtos.

Tracking Pixel Contents