Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A saída de Herminia deixa desaloxos, baixos anegados e máis danos na área de Compostela

O temporal provocou a rotura de cruceiros centenarios en Noia e Dodro

A enchente do Tambre obrigou a evacuar aos alumnos dun colexio en Val do Dubra

Varias lugares do interior da provincia estiveron durante horas sen luz

Veciñas de Lamas (Padrón) axudando nunha casa de turismo rural anegada

Veciñas de Lamas (Padrón) axudando nunha casa de turismo rural anegada / Lavandeira Jr. | Efe

Javier Ramos

Javier Ramos

A borrasca Herminia abandonou este luns Galicia despois de dous días de fortes ventos e copiosas precipitacións. Ao seu paso, deixou preto de 1.600 incidencias rexistradas polo servizo de atención a emerxencias 112, das que moitas delas se produciron en zonas da área metropolitana de Compostela.

A contorna da capital galega, especialmente as comarcas costeiras e do oeste da provincia da Coruña, sufriron con intensidade as inclemencias dun temporal que deixou importantes cifras de precipitacións acumuladas en estacións meteorolóxicas coma a de Fontecada, en Santa Comba, que chegou a superar os 165 litros por metro cadrado, o maior rexistro de toda Galicia. Outros lugares próximos, coma Val do Dubra ou Rois, tamén contabilizaron importantes chuvias, de máis de 150 e 142 litros por metro cadrado, respectivamente.

Zonas inundadas

Todo este volume de precipitacións tivo un efecto directo no caudal dos ríos, que presentaban importantes enchentes e que, nalgúns puntos, chegaron a desbordar e causar inundacións. Así ocorreu, por exemplo, en Padrón, onde este tipo de sucesos son frecuentes cada vez que hai temporal en parroquias coma Pazos ou Extramundi, próximas ao río Sar.

O alcalde, Anxo Arca, afirmou que foi unha xornada «complicada» na que observaron con «bastante preocupación» como o caudal dos seus cursos fluviais medraba de forma sensible e mesmo, coincidindo coa pleamar ás once da noite do domingo, estivo preto de saturar un dos canais de derivación xusto nunha zona de paso da estrada nacional N-550. «Por sorte non foi así», declarou, aliviado.

Exteriores do CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera inundados pola enchente do río Tambre

Exteriores do CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera inundados pola enchente do río Tambre / Cedida

Máis cara ao interior, en Val do Dubra, técnicos de Protección Civil tiveron que axudar a evacuar o CEIP Plurilingüe Xacinto Amigo Lera, dada a perigosidade da enchente do Tambre, que anegou parte das instalacións exteriores deste centro de ensino, ubicado no punto de confluencia das augas deste río co seu afluente que dá nome ao municipio.

Neste mesmo municipio, precisou o alcalde Diego Luis Díaz Méndez, os efectos do temporal causaron cortes no subministro eléctrico que afectaron a varias parroquias, incluído o centro urbano de Bembibre. Algúns deles persistían este luns en lugares coma Portomouro, que segundo o rexedor sofren problemas desta índole con certa frecuencia.

Danos persoais e materiais

Por sorte, o paso da borrasca non deixou apenas danos persoais, con excepción de dúas persoas que na noite do domingo foron feridas logo de caerlle o tellado da súa vivenda enriba despois de que se derrubara a cheminea do inmoble sito na avenida de Montserrat, en Lalín.

Si foron cuantiosos os danos patrimoniais sufridos por particulares e institucións públicas ao longo destas xornadas, nas que a maioría das incidencias estiveron relacionadas coa caída de árbores e obxectos sobre estradas e vías públicas, así como desprendementos de tellados, cables soltos ou derrubamentos de muros.

Un dos máis chamativos foi o desprendemento de parte da cuberta do tellado da piscina municipal de Noia, onde técnicos municipais interviron xa na mañá do luns para retirar os elementos restantes de «maior perigo» e calcular os danos e as reparacións a acometer, segundo explicou o alcalde Santiago Freire.

Cuberta da piscina municipal de Noia desprendida a causa do forte vento

Cuberta da piscina municipal de Noia desprendida a causa do forte vento / Lavandeira Jr. | Efe

O rexedor noiés sinalou que aínda é cedo para determinar cal é a «solución máis axeitada» para arranxar este inmoble, mais adiantou que «vai ser complicado» que poida estar operativo «en menos dun mes», aínda que se eximirá aos usuarios das cotas durante o tempo das reparacións.

Cruceiros afectados

Neste mesmo concello, o vento acabou por provocar a rotura do cruceiro de Eiroa, do ano 1879 e incluído no seu momento por Castelao no seu estudo As cruces de pedra na Galiza. A cruz deste monumento presenta, trasladou Freire, un «destrozo importante» e a administración municipal valora agora se será posible restauralo. O cruceiro do Botafal, na parroquia de Teaio, en Dodro, tamén terminou destrozado polos efectos do temporal.

Na Pobra do Caramiñal, foi preciso suspender as clases no instituto público despois de que uns ferros de pladur caeran sobre un corredor e varios máis ameazaran con desprenderse a causa do vento. En Coristanco, o aire tamén levou parte da cuberta do colexio Xosé Pichel, aínda que este feito non impediu que as calses se desenvolveran con certa normalidade.

Os danos en centros educativos e edificios públicos, os cortes no subministro eléctrico, a aparición de obstáculos en estradas, o derrubamento de muros ou a inundación de baixos e locais comerciais foron unha constante ao longo destas dúas xornadas na área de Compostela, que afronta un martes máis calmo despois de dous días frenéticos en canto a incidencias causadas pola meteoroloxía adversa.

Tracking Pixel Contents