Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Reformarán o centro de saúde de Vedra tras corenta anos en funcionamento

O Sergas aportará máis de 430.000 euros para unha obra na que o Concello correrá co vinte por cento do gasto

Fachada do centro de saúde de Vedra

Fachada do centro de saúde de Vedra / Google Maps

Javier Ramos

Javier Ramos

A Xunta de Galicia e o Concello de Vedra anunciaron onte que chegaron a un acordo para financiar as obras de reforma do centro de saúde deste municipio, nas que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) se fará cargo da meirande parte do importe requerido.

Deste xeito, o Sergas porá máis de 430.000 dos preto de 540.000 euros que requerirán estes traballos, que deberán ser executados polo goberno municipal ao longo deste ano 2025. Desta forma, a corporación vedrense, propietaria do inmoble, correrá cos 108.000 euros restantes, correspondentes co vinte por cento do orzamento deste proxecto.

Con esta intervención prevese habilitar unha nova sala de urxencias no consultorio de Vedra e mellorar tanto o illamento coma a eficiencia enerxética do mesmo a través da renovación da carpintaría exterior do edficio, dos seus pavimentos e mediante a substitución da súa cuberta e do lucernario.

Ademais, con motivo desta reforma, actuarase na rampa de acceso ao centro de saúde para garantir unha correcta accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida.

No plano organizativo, procederase a unha redistribución das consultas dispostas neste centro para unificar o tamaño das mesmas e permitir que estean comunicadas entre si.

Outros traballos correspóndense coa renovación dos aseos habilitados para o persoal do consultorio e a creación duns novos baños accesibles para todo o público, ademais de coa reorganización das áreas de apoio e da zona de atención administrativa.

O alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, recibiu con entusiasmo a sinatura deste convenio para financiar unhas obras «necesarias», posto que —salientou— o centro precisaba «unha reforma integral» tras máis de corenta anos en funcionamento.

Do mesmo xeito, o rexedor vedrés trasladou que a súa intención é «facer todo o posible» por que as obras estean concluídas antes do remate deste ano 2025; aínda que advertiu de que os prazos de execución son «moi xustos», posto que aínda queda por ver como se poderán casar estes traballos coa actividade asistencial do centro, que non será interrompida neste período.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents