PP e PSOE alíanse en Ames para sacar adiante a reforma do regulamento dos comedores escolares
O Goberno municipal e o principal grupo da oposición aproban, co voto en contra de BNG e Espazo Común, modificacións no acceso e prestación deste servizo e outros de conciliación

Votación a man alzada no pleno ordinario do Concello de Ames do mes de decembro / Concello de Ames
O pleno ordinario do Concello de Ames correspondente a este mes de xaneiro aprobou onte de xeito inicial a modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares e doutros servizos de conciliación coma o Bos días, cole e o Tardes divertidas.
A proposta do Goberno municipal saíu adiante cos votos a favor do grupo do PSOE, que conforma o Executivo local, e do principal partido da oposición, o PP. Porén, o BNG e Espazo Común manifestaron a súa disconformidade coa aprobación deste novo regulamento.
Razóns de «sostibilidade»
A concelleira de Educación, con competencias en materia de conciliación, Carmen Porto Rey, manifestou que as modificacións que se tramitarán veñen motivadas pola necesidade de prestar estes servizos de conciliación dunha maneira «sostible» que non poña en risco as contas do Concello, que na actualidade ten a media de idade máis baixa de toda Galicia.
«Vímonos na obriga de tomar decisións», defendeu a edila, valedora dunha reforma de ata vintesete artigos e anexos do texto existente que condiciona o acceso a algúns destes servizos, nos que se priorizará que se presten a familias que residen ou traballan no municipio. «Nunca se realizou unha modificación de tal envergadura», asegurou Porto, que resumiu esta medida como «unha actualización aos tempos e realidades actuais» da normativa por motivos de «conciencia e responsabilidade política».
Aval do PP
A voceira do grupo popular, Oliva Agra, avalou esta posición e manifestou que o novo regulamento «encaixaría perfectamente nun concello no que gobernase o PP». Agra afirmou que é froito de múltiples xuntanzas de traballo con diferentes axentes e que, unha vez entre en vigor, «vai permitir ás familias de Ames seguir conciliando» e atopando un «equilibrio entre a vida familiar e laboral». De todos xeitos, incidiu en que estes servizos «deben estar dirixidos a aquelas familias que necesiten conciliar» e non ser «unha forma de ampliar o horario que os menores están fóra do fogar».
Críticas de BNG e Espazo Común
Tanto o PP coma o PSOE expresaron a súa preocupación polo carácter deficitario na actualidade destes servizos de conciliación, un punto no que discreparon co BNG, cuxo concelleiro Carlos García Vieito lamentou que o Executivo amesán apostara por sacar adiante un regulamento que supón «un recorte nos dereitos e na calidade dos servizos ofrecidos».
Ao seu modo de ver, engadiu, son prestacións coma estas as que fan que Ames «sexa a envexa doutras localidades» e lamentou que se vaian aplicar «restriccións significativas» para usuarios «ocasionais» dos comedores e dos concilias, ademais de pór o foco na falta de monitorado para atender a rapaces e rapazas con diversidade.
Pola súa banda, a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, protestou por que se tramitara esta reforma sen o consenso da comunidade educativa, que votou en contra do novo regulamento na última reunión do Consello Escolar. Esta decisión, coidou, «quita sentido á existencia» deste órgano.
Outros asuntos plenarios
O pleno amesán tamén abordou outros asuntos, coma a aprobación dun modelo para as declaracións de bens dos concelleiros, a remisión ao Consello Consultivo da resolución do contrato do servizo de axuda no fogar e unha moción do grupo do BNG na que se demandaba a implantación de medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións.
- El peaje Santiago-Vigo pasará de 12,5 euros desde enero y hasta a A Coruña costará 8,8
- Una bodega gallega se cuela entre las 100 mejores del mundo para visitar
- El restaurante de Santiago con el menú degustación más barato
- Una bañense con cáncer a los 43 años logra más de 42.000 firmas para que adelanten el cribado
- Llega el centollo a los mercados: claves para distinguir el gallego del de fuera
- La Guardia Civil incauta más de 1.500 plantas de marihuana en dos naves de Oroso y O Pino: seis detenidos
- Una física compostelana que trabaja para Amazon trae a Santiago la 'segunda revolución cuántica
- Renfe anuncia la cancelación de trenes entre Ourense y Santiago por unas obras en diciembre
