Saltar al contenido principalSaltar al pie de página
Xornadas da Camelia en Vedra

XXIX Xornadas Arredor da Camelia 2025 en Vedra: un programa para todos os públicos

A programación arrinca hoxe domingo cunha das súas citas deportivas máis esperadas: a XIV BTT da Camelia polo Val do Ulla

O alcalde, Carlos Martínez, na presentación das XXIX Xornadas Arredor da Camelia 2025 en Vedra.

O alcalde, Carlos Martínez, na presentación das XXIX Xornadas Arredor da Camelia 2025 en Vedra. / CEDIDA

A casa consistorial de Vedra acolleu o acto de presentación das XXIX Xornadas Arredor da Camelia 2025. O programa está repleto de actividades culturais, deportivas, educativas e turísticas que se desenvolverán ao longo dos meses de febreiro e marzo. O evento, organizado polo Concello de Vedra en colaboración coa Asociación Amigos da Camelia, promete sorprender e medrar un ano máis.

A nova directiva da Asociación Amigos da Camelia, presidida por Carlos Martínez Carrillo, con Mª Dolores Couto Nogueiras como vicepresidenta, Mercedes Taibo Rivera como secretaria, Tomás Díaz Castañeira como tesoureiro e os vogais Teresa Casal Ríos, Clara Iglesias Midón, Manuel Ángel Lobato Graña e Margarita González Rosende, presentou o pasado 31 de xaneiro a programación desta nova edición, destacando as novidades incorporadas este ano.

A programación arrinca hoxe domingo cunha das súas citas deportivas máis esperadas: a XIV BTT da Camelia polo Val do Ulla, que xa ten as súas 400 prazas esgotadas. A continuación, o vindeiro domingo 9 de febreiro será a quenda da IX Carreira por Montaña A Camelia, tamén con todas as prazas cubertas. Estas cifras reflicten a gran acollida e a expectación que xera este evento entre a veciñanza e tamén entre os visitantes.

Pero a camelia non só florecerá no ámbito deportivo. Durante case dous meses, Vedra ofrecerá un amplo abano de propostas para todos os públicos, dende obradoiros artísticos e formativos ata paseos guiados, charlas e excursións. Aínda que quizais o punto álxido chegará o vindeiro domingo 23 de febreiro coa tradicional xornada na que a Estación de Tren de Santa Cruz de Ribadulla se engalanará coas fermosas camelias, converténdose nun dos enclaves máis emblemáticos desta celebración.

A información completa da programación xa está dispoñible na web municipal www.concellodevedra.gal, onde os interesados poderán consultar todas as propostas e anotarse nas distintas actividades. A organización confía en que a gran resposta do público continúe ao longo das dez citas programadas, consolidando as Xornadas Arredor da Camelia como unha das celebracións máis destacadas do calendario cultural e turístico de Vedra.

Tracking Pixel Contents