Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unanimidade para aprobar as obras do Plan Único en Ames

O pleno respalda dezanove intervencións sufragadas con cargo aos fondos da Deputación da Coruña

Votación unánime a man alzada no pleno do Concello de Ames sobre as obras financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación

Votación unánime a man alzada no pleno do Concello de Ames sobre as obras financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

O pleno do Concello de Ames aprobou onte por unanimidade a participación desta administración local no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, coñecido como Plan Único da Deputación da Coruña, que permitirá sufragar 19 intervencións en diferentes lugares por un valor aproximado de millón e medio de euros.

Malia que esgrimiron diferentes argumentos, todos os grupos da Corporación municipal deron o seu visto bo a este programa de financiamento, que se repartirá do seguinte xeito: algo máis de 444.000 euros para gastos correntes e preto de 1,1 millóns de euros para seis obras concretas.

Así mesmo, o pleno de Ames respaldou tamén que se dediquen case 272.000 euros do Plan Único Adicional á redución da débeda do Concello coa Deputación.

As actuacións concretas financiadas son o acondicionamento da rúa Agro da Vella, no Milladoiro; a pavimentación de viarios nas parroquias de Covas, Bugallido e Ortoño; a canalización de pluviais en Biduído de Abaixo; e o asfaltado en Bertamiráns das rúas Telleira e Rueiro, do viario da Condomiña a Punxeiras e do treito inicial do camiño do Rueiro dende a avenida da Peregrina.

O plan complementario da Deputación coruñesa prevé tamén trece proxectos de obras de pavimentación, construción de sendas peonís ou acondicionamento de viarios e zonas recreativas en diferentes lugares do concello.

Aínda que os grupos da oposición expresaron o seu voto a favor da xestión destes fondos provinciais, tamén criticaron certos aspectos da mesma. A representante de Espazo Común, Luísa Feijóo, apuntou que se repetían proxectos non executados de anos anteriores, mentres que a voceira do BNG, Escarlata Pampín, agradeceu que se incluíran entre a nómina de obras seleccionadas intervencións reivindicadas polo BNG.

Pola súa parte, a concelleira do Partido Popular Oliva Agra trasladou que, aínda que no seu grupo terían avogado por outras prioridades, «calquera investimento que veña para este concello e a súa veciñanza vai ser aplaudido» polos edís populares.

Finalmente, dende o Goberno local, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinalou que «é lóxico» que, se unha actuación non se pode acometer nun determinado momento por calquera motivo, se trate de facelo posteriormente.

Tracking Pixel Contents