Melide esquiva o colapso tras a apertura do novo tramo da A-54
A AC-840 rexistra algo máis de tráfico ca en días anteriores sen que se teñan producido de momento grandes alteracións na mobilidade

Novo enlace da A-54 coa AC-840 en Melide, coas obras da autovía aínda en marcha / Cedida
Meses de advertencias e de expectación que, de momento, só teñen redundado en impactos menores na mobilidade. Este é o balance das primeiras horas dende a entrada en servizo do novo tramo da autovía A-54 entre Melide e Palas de Rei, inaugurado este luns por autoridades estatais, autonómicas e locais.
Un treito de case doce quilómetros e preto de cen millóns de investimento que, na práctica, apenas está a reducir os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e Lugo. A velocidade máxima permitida é maior ca na convencional N-547, mais o pequeno desvío duns quilómetros que é preciso tomar para entrar ou saír da nova parte da autovía fai que a duración total dos desprazamentos se manteña case sen alteracións.
Si se gaña, aprezan os usuarios, en canto a seguridade vial, ao poderen facer este percorrido entre Melide e Palas por unha autovía con novo asfaltado, máis carrís e mellor visibilidade ca unha estrada nacional chea de curvas, néboa e irregularidades no firme.
Tampouco é demasiado notorio, ata o de agora, o impacto na densidade de tráfico que ten que soportar o centro urbano de Melide, unha cuestión que foi fonte de importantes protestas dende este concello. O alcalde melidao, José Manuel Pérez, xa advertiu durante a inauguración de que estas primeiras horas son aínda demasiado temperás para avaliar os efectos sobre a mobilidade na contorna do novo tramo da A-54 e que será preciso que se asenten os novos fluxos de tráfico para ver se son necesarias medidas complementarias.
Porén, a recomendación formulada dende o Estado para que o tráfico pesado non empregue este novo treito e así evitar problemas de manobrabilidade na glorieta central de Melide, na que terían que efectuar un xiro pechado de preto de novento graos para seguir en dirección a Compostela ou a Lugo, semella estar a facer efecto.
Así o corroboran membros da ANPA do CEIP Mestre Pastor Barral, ubicado na AC-840, a escasos metros do punto onde desemboca agora a A-54, onde din que ten aumentado o número de turismos en circulación, mais non tanto o de vehículos que portan mercadorías.
Estas mesmas persoas sinalan que, en horas puntas, si se están a dar certos problemas de retencións na glorieta central da vila, pero matizan que xa se rexistraban con anterioridade. Este foi un dos motivos que levaron ao Estado e ao Concello de Melide a pactar certas actuacións para xestionar a mobilidade nesta zona, mediante nova semaforización e a mellora da sinaléctica dos pasos de peóns.
A falta de ver o que sucede nas vindeiras semanas, e á espera de que se materialice a extensión da autovía ata Santiso, prometida para finais do verán; Melide esquiva de momento o colapso vaticinado coa apertura do novo tramo da A-54.
Suscríbete para seguir leyendo
- Susto en la urbanización teense de Augas Mansas por un vecino atrincherado en casa
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- El lobo mata tres perros en el rural de Santiago: 'La gente no quiere salir al monte
- Buscan «parejas reales» en Santiago para participar en lo que parece la nueva serie de época de Vaca Films
- Comer 'por menos de 6 euros': tres restaurantes de Santiago que adoran los estudiantes
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- Drones y puertas marcadas en Ames: ¿‘modus operandi’ de la Banda del Volvo?
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
