Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

INFRAESTRUTURAS

Quince millóns para habilitar 338.000 metros máis no polígono da Laracha

A ampliación do parque empresarial realizarase nunha única fase

Rivas, esquerda, Sestayo, Ardado e López Varela na presentación do proxecto na Laracha

Rivas, esquerda, Sestayo, Ardado e López Varela na presentación do proxecto na Laracha / S. G.

A Laracha

Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) investirá entre 14,5 e 15,5 millóns de euros na ampliación do polígono da Laracha, que se desenvolverá sobre un total de 338.629 m2, cos que alcanzará unha superficie de máis dun millón de metros cadrados. Será construído nunha única fase, en terreos próximos ao actual parque empresarial, entre os lugares de A Torre e Samiráns. Así o explicou Antonio Durán, o responsable da redacción do proxecto.

Fíxoo no acto de presentación do Plan estruturante de ordenación, no que participaron a subdelegada do Goberno, María Rivas; o alcalde, José Manuel López Varela; a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo; o avogado de SEA, Antonio Quintela; e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao. Antonio Quintela explicou que a continuación deberán ser aprobados os proxectos de expropiación, urbanización e parcelación, trámites imprescindibles para o inicio das obras.

O alcalde, José Manuel López, resaltou que «este proxecto non só é unha resposta á crecente demanda de espazos industriais e loxísticos, senón que se trata dunha aposta por inxectar enerxía para fortalecer o tecido empresarial e consolidar A Laracha como un referente para o investimento e o emprendemento».

SEA financiará as obras que permitirán superar o millón de metros de solo no parque local

Nesa liña, Beatriz Sestayo incidiu en que «este será un dos polígonos máis destacados da xeografía galega, polo seu emprazamento e infraestruturas e, por ende, pola súa capacidade para xerar futuro». Así mesmo, quixo expresar a súa satisfacción por iniciar «un novo capítulo de SEA como entidade pública de dinamización social, impulso, establecemento de empresas e creación de solo». Sestayo agradeceu a todas as persoas e institucións que fixeron posible a presentación da ampliación da Laracha, recoñecendo «a valentía dos empresarios, sen cuxo esforzo nada sería posible».

Pola súa banda, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, reiterou o compromiso e a máxima colaboración do Goberno galego coa ampliación do polígono co obxectivo de ampliar o tecido empresarial xa instalado e atraer novos investimentos.

A subdelegada do Goberno, María Rivas, asegurou que «estamos a crear oportunidades económicas e estamos a construír, xuntos, un futuro próspero para toda esta comarca».

Tracking Pixel Contents