Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

CULTURA

'Na Cerna do Son' chega a Cee no mes de Rosalía

A cita é o sábado ás 20.30 horas no Auditorio Baldomero Cores

O espectáculo 'Cerna do Son' poderá verse este sábado en Cee

O espectáculo 'Cerna do Son' poderá verse este sábado en Cee / Cee

Cee

A través da danza, da poesía e da música en directo do caixón flamenco, piano de cola e voz este sábado chega a Cee o espectáculo Na cerna do son, unha proposta de Gallaecia Eventos que convida a realizar unha viaxe ao corazón da música tradicional galega e, ao tempo, rende homenaxe a todas as persoas que tiveron que emigrar para buscar unha vida mellor. A cita é este sábado 15 ás 20.30 horas no Auditorio Baldomero Cores.

Esta viaxe multiARTErial comeza en Galicia, percorre Latinoamérica para logo voltar á terra. Unha viaxe baixo unha perspectiva diversa, con arranxos musicais que regalan un concepto máis da música tradicional. As cancións interpretadas están arranxadas e adaptadas expresamente para este proxecto e nelas hai elementos musicais que veñen do jazz, do latin, do funky, da balada, recuperando cantos de traballo, alalás, xotas, cancións tradicionais que no teñen autor, que tratan sobre a emigración e latinoamericanas como tangos, boleros ou salsa.

Trátase dun "espectáculo único e emocionante" enmarcado na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia, que conecta tradición e innovación a través da danza, música e poesía e está protagonizado por Luis Iglesia (declamador) Ricardo Fernández (bailarín), Moisés Fernández (caixón), Cristian Leggiero (director musical e pianista) e Paty Lesta (cantante). A taquilla estará aberta desde unha hora antes con entradas a 3 e 5 euros.

Tracking Pixel Contents