Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Xunta saca a licitación a humanización da praza central de Sigüeiro

Suprimiranse prazas de estacionamento para lograr un espazo máis accesible, verde e que fomente a interacción social

Presentación do proxecto de humanización da praza Isaac Díaz Pardo de Sigüeiro (Oroso)

Presentación do proxecto de humanización da praza Isaac Díaz Pardo de Sigüeiro (Oroso) / Cedida

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou este venres as obras de humanización da praza Isaac Díaz Pardo, no centro urbano de Sigüeiro, onde se atopan varios dos principais equipamentos municipais do Concello de Oroso.

O obxectivo desta intervención é transformar este espazo para convertilo nun lugar de encontro, interacción social e celebración de eventos. Para conseguilo eliminaranse as prazas de estacionamento de vehículos existentes na actualidade e dotarase de preferencia ao tránsito peonil en toda a contorna, aínda que se seguirá a permitir o acceso de automóbiles de reparto. Ademais, permitirase a conexión a través das rúas Xuncal e do Camiño Inglés.

Con ocasión destes traballos, tamén se mellorará a accesibilidade do propio edificio do Concello de Oroso, no que se modificarán as escaleiras de entrada e colocarase unha nova rampa para persoas con problemas de mobilidade.

O importe de licitación supera os 620.000 euros, que, sumados a outros fondos procedentes do Plan Hurbe do goberno autonómico para intervencións urbanísticas de mellora de contornas urbanas e accesibilidade, acadan un orzamento total de máis de 705.000 euros. A Xunta correrá co setenta por cento destes gastos, mentres que Oroso farase cargo da cantidade restante.

As empresas interesadas en optar a esta licitación poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 12 de marzo.

Na Praza Isaac Díaz Pardo áchanse na actualidade, ademais da casa consistorial, outros edificios de servizos coma o xulgado de paz, a biblioteca ou o centro social orosano. Esta zona tamén é lugar de paso do Camiño Inglés cara a Santiago de Compostela, que surca este municipio do norte da área metropolitana da capital galega.

Tracking Pixel Contents