Lalín encara o día grande dun Cocido cada vez máis internacional e duradeiro
O alcalde lalinense, José Crespo, destacou que a vila ofrece xa "seis meses completos de cocido a fartar” durante o ano

Javier Rosende Novo
O vindeiro domingo 23 de febreiro Lalín celebrará unha nova edición, a número 57, da súa Feira do Cocido, unha cita que medra ano tras ano en asistentes, programación e alcance a nivel internacional.

Lalín encara o día grande dun Cocido cada vez máis internacional e duradeiro / Antonio Hernández
O alcalde lalinense, José Crespo, participou este luns na presentación deste evento que tivo lugar no Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), onde destacou que a vila pontevedresa ofrece xa “seis meses completos de cocido a fartar” durante o ano.
Dende que rematan as últimas festas patronais, no mes de setembro, e ata mediados de abril, Lalín convértese na capital do cocido, con multitude de estabelecementos ofrecendo este prato tradicional da gastronomía galega.
O chef Álex Iglesias, do restaurante Cabanas, afondou durante a presentación da Feira do Cocido nos segredos da súa elaboración. O fundamental, apuntou, é a materia prima, posto que é a calidade e o coidado dos produtos o que define o sabor e o éxito deste prato.
Así, destacou que as carnes han de ser “salgadas, afumadas e curadas” para ter o seu arume característico, á vez que mencionou a importancia dos grelos, un elemento “imprescindible” mesmo en anos de mala colleita coma o actual. Do mesmo xeito, incidiu en que se debe maridar cun bo viño, preferiblemente da Ribeira Sacra; e acompañalo cunha boa sobremesa conformada por varios postres caseiros.
Durante o transcurso da presentación, Iglesias elaborou para os presentes unha pequena ración de cocido de Lalín; mentres que Crespo e outros representantes institucionais daban conta dos pormenores da celebración.
Desta maneira, o alcalde de Lalín centrouse nas novidades que incorporará esta edición da Feira do Cocido, que por primeira vez este ano estará irmandada coa Festa da Filloa de Lestedo, outro prato típico das datas do Entroido para acompañar as carnes, verduras e legumes. Ademais, Crespo recalcou que esta será a primeira ocasión na que o Cocido terá «un pregoeiro de fóra da Península Ibérica».
Novos comendadores
A honra, como xa é sabido, corresponderalle ao embaixador do Xapón en España, Takahiro Nakamae, tamén como mostra da crecente internacionalización da cita. Nakamae pasará a formar parte da orde de comendadores do Cocido, que medrará en dez novos integrantes con motivo desta edición.
«Ás veces hai ata problemas para poder elixilos», asegurou o rexedor lalinense, que dixo ter recibido só nesta edición máis dunha ducia de propostas de novos comendadores diferentes só de «xente importante» de Madrid. Entre as novas incorporacións están o presidente e a vicepresidenta de Prensa Ibérica, Javier Moll e Arantza Sarasola; a tenente alcalde de Lalín, Paz Pérez; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o deputado do PP Francisco Conde; o escultor Asciclo Manzano; a piragüista e medallista olímpica Teresa Portela; a presidenta do Real Club Celta de Vigo, Marián Mouriño; o presidente da Deputación de Pontevera, Luis López; e o propio Takahiro Nakamae.
Proxección para Lalín
Todos eles terán a misión de pregoar as virtudes do Cocido de Lalín e da propia vila, que experimenta cada ano unha afluencia de xente cada vez maior atraída pola popularidade da súa cociña. No día de onte, José Crespo reiterou a importancia dos actos relacionados con esta feira para a economía de toda a comarca; algo no que coincidiu co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que tamén participou na presentación desta festa.
Merelles trasladou a súa «satisfacción» polo próspero rumbo co que navega esta cita e vaticinou unha afluencia «masiva» este domingo nas rúas da vila con motivo do día grande do Cocido. Neste sentido, salientou que eventos coma este, fóra das tempadas de maior actividade turística en Galicia, permiten dinamizar e desestacionalizar esta actividade nun dos períodos do ano de menor rendemento; polo que parabenizou ao Concello de Lalín por contribuír en positivo nesta causa ao ter convertido o cocido nun atractivo turístico «activo todo o ano».
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Una ciudad gallega, finalista a mejor Destino Nacional en los Premios Condé Nast Traveler
- Santiago se blinda ante el desalojo del edificio okupa de la Algalia de Arriba
- La huelga de autobuses de este lunes vuelve a poner en jaque el tráfico en Santiago
- Sin servicios mínimos: la huelga de buses vuelve a poner en jaque el tráfico en Santiago
- Las obras de modernización del Parador de Santiago obligan a cerrar la histórica puerta principal
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana

